O Museo da Limia, "un foro da xente e para a xente"

O Museo da Limia, "un foro da xente e para a xente"
Xosé Carlos Sierra analiza as actividades do Museo da Limia e valora o contido das exposicións

Xosé Carlos Sierra tivo un encontro o pasado sábado co Alcalde de Vilar de Santos e coa Xunta Directiva do Museo, para analizar as actividades desta entidade limiá e valorar o contido das exposicións que permanecerán abertas ao público na antiga reitoral ata o 15 de setembro.

El é historiador e museólogo especializado en patrimonio etnolóxico e antropolóxico. Tamén, profesor de Prehistoria e Antropoloxía, ex director do Museo etnolóxico de Ribadavia e do Museo das Peregrinacións de Santiago e membro do Consello Asesor do Museo da Limia, presente no seu percorrido dende o seu nacemento.

Xosé Carlos Sierra: "O Museo da Limia refaise día a día e camiña con xeito e con teimosía para se converter nun verdadeiro museo comunitario: un foro da xente e para a xente"

Sierra valora positivamente o encontro do Museo da Limia con asociacións como a Asociación de Artesáns LIMIAR e a Asociación de Mulleres ARRACADA que imparten cursos de artesanía, dos cales agora mesmo se poden ver os seus froitos nunha exposición, Encontros Artesáns.

"A mestría dun bordado requintado (Mercedes Véitez), dun cesto preciso (Sergio Moreno) e dunha pintura colorista e expresiva (Julia Márquez) reprodúcese, tomando corpo, nos traballos de aprendices ilusionados que se manifestan na exposición do Museo."

IMG-20220812-WA0011

Por outra banda, Manolo Traveso tamén mostra noutra exposición (Veciños), "aos protagonistas que transitan decote pola zona, todos ben coñecidos e algúns deles comprometidos en doada parcería coa vida do Museo."