Novas pezas para celebrar os 20 anos do Museo da Limia

carreira
Novas pezas para celebrar os 20 anos do Museo da Limia

O Museo da Limia seguirá aberto a todos aqueles interesados en coñecer a nosa historia, os nosos costumes e a nosa forma de vida. Por outros 20 anos máis de vida. Como mínimo.

No día de onte, sábado 17 de decembro, o Museo Etnolóxico da Limia –sito no municipio de Vilar de Santos– organizou unha xornada de portas abertas co obxectivo de presentar novas pezas para a súa mostra. A cita enmárcase na celebración do vixésimo aniversario desta institución museográfica, que xa é toda unha referencia na comarca.

Os veciños e visitantes asistentes –así como algúns curiosos– puideron contemplar o retrato de Xaquín Lorenzo "O Xocas" pintado polo artista limián –e recoñecido escultor– Xosé Lois Carreira. O cadro atópase situado na sala do liño, que leva o nome do etnógrafo. A obra non é recente, pois xa fóra presentada o pasado ano 2004 cando o Xocas resultou elixido o autor a homenaxear no Día das Letras Galegas. Porén, foi agora cando o autor, natural de Xinzo, decidiu doala ao Museo da Limia para contribuír a este espazo comunitario da historia e cultura da nosa comarca.

Mais o retrato do Xocas non resultou ser a única nova peza en chegar ao museo. A outra gran protagonista da xornada foi unha máquina de mallar que data da primeira metade do século XX. A partires de agora, todos os visitantes poderán contemplala grazas á doazón duns veciños. A peza completa a colección dedicada ao proceso do pan.

Xosé Antón Jardón, colaborador do museo –tamén deste xornal– e antigo rexedor do concello limián, indica que, no caso da Limia, "a malla era tamén unha actividade comunitaria, con compoñente social". O avance que trouxo consigo a máquina que agora se expón nas dependencias museográficas de Vilar de Santos foi moi significativo para a zona da Limia, na que o pan era "un símbolo do substento da vida".

O alcalde de Vilar de Santos, Xoán Xosé Jardón, definiu o museo para o xornal La Región coma un "espazo de memoria" porque "di de onde vimos e o que foi a Limia". Ademais, afirmou que está acollendo a "moita xente nova e de moitos lugares de Galicia".

O Museo da Limia seguirá aberto a todos aqueles interesados en coñecer a nosa historia, os nosos costumes e a nosa forma de vida. Por outros 20 anos máis de vida. Como mínimo.