O solo industrial baixa de prezo en Vilar de Santos

santos
O solo industrial baixa de prezo en Vilar de Santos

O Concello busca atraer novas empresas cunha rebaixa de ata o 25%

O Concello de Vilar de Santos busca novas empresas para ocupar os 33.000 metros cadrados de solo industrial, dispoñibles en parcelas. Así ponse en marcha un Plan Comercial para activar a venda e dinamizar a actividade económica da zona.

Dende o consistorio traballan coa previsión de venda directa e inmediata dun lote de tres parcelas, 7.204 metros cadrados, cun prezo de 15 euros/metro cadrado. Esta rebaixa do 25% respecto da última venda pública, xustifícaa o Concello como "unha axuda a empresas e proxectos empresariais que necesitan solo industrial pero non poden pagalo polas circunstancias actuais".

Outra medida que se vai por en marcha é o arrendamento con opción de compra. A través desta proposta o concello concede ós arrenadatarios un dereito de opción de compra de parcelas polo prezo de venda sinalado. A renda queda fixada no 6% anual do prezo de venda de cada parcela. O contrato de arrendamento terá unha duración de entre 2 ou 3 anos.

Vilar de Santos tamén estableceu unha liña de incentivos coa modificación da Ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre construcións, instalacións e obras (ICIO), fixando unha bonificación do 80% da cota da taxa a favor de proxectos que sexan declarados de especial interese municipal por fomentar e crear emprego no concello.

Un paquete de medidas destinado a fomentar a actividade empresarial no Parque Industrial que ocupa unha superficie de 200.000 metros cadrados. Na actualidade conta con 23 empresas que dan traballo directo a máis de 95 persoas.