Terceira edición do Mercado de Artesanía e Produto Local de Vilar de Santos

mercado
Terceira edición do Mercado de Artesanía e Produto Local de Vilar de Santos

A cita terá lugar este domingo 7 e serán, de novo, a Arca da Noe xunto co forno tradicional Faragullas as que organicen este evento coa colaboración do Concello de Vilar de Santos.

Este domingo, día 7 de maio, desde as 12:00 horas, comezará en Vilar de Santos o III Mercado de Produto Local e Artesanía con máis de 25 postos, onde se poderán mercar multitude de produtos, así como xantar e desfrutar das diferentes actividades que a Arca da Noe, o forno Faragullas e o Concello de Vilar de Santos programaron para esta xornada.

A coñecida e recoñecida banda ourensá "O Sonoro Maxín" presentará o seu novo disco na vila limiá.

A iso da 13:00 horas, veciños e visitantes ao mercado poderán desfrutar tamén dunha boa dose de música co concerto de Alice Wonder. Continuarán as actividades culturais ás 17:00 horas coa performance do clown de rúa Fredi&Cia, que presentará o seu espectáculo "Circanelo".

E para rematar a xornada festiva, a coñecida e recoñecida banda ourensá "O Sonoro Maxín" presentará o seu novo disco na vila limiá.

Os organizadores animan aos asistentes a levaren o seu instrumento –de o tocar– pois é probable que, entre actividade e actividade, se realicen foliadas para aumentar o festexo.