VILAR DE SANTOS ACTIVA E POTENCIA PROTECCIÓN CIVIL NO CONCELLO

51
VILAR DE SANTOS ACTIVA E POTENCIA PROTECCIÓN CIVIL NO CONCELLO

O Concello reactiva a Agrupación Municipal de Voluntarios de Protección Civil de Vilar de Santos. Trátase de potenciar e reforzar o seu papel no municipio e tamén o nivel de atención e proximidade para poder cubrir determinadas necesidades de interese xeral da veciñanza.

Os voluntarios realizarán tarefas propias de protección civil de prevención e de apoio para garantir a seguridade das persoas e evitar calquera posible incidencia, implicando tan só unha colaboración voluntaria desinteresada e altruísta para a prestación de servizos humanitarios de solidariedade social e boa veciñanza.

O goberno local xa iniciou os trámites para dotar de medios aos voluntarios en colaboración co Servizo Provincial de Emerxencias da Xunta de Galicia, para a mellora do equipamento e da prestación dos servizos de emerxencias aos cidadáns.

Por outra banda, os integrantes de Protección Civil recibirán a formación necesaria e homologada, desde os cursos básicos aos avanzados. Nunha segunda fase, tamén recibirán formación para intervir en situacións específicas.

\“Destacamos o gran traballo que se pode facer desde o voluntariado e animo aos veciños e veciñas. Aqueles que estean interesados e queiran prestar un pouco do seu tempo, poden formar parte de Protección Civil e deberán pasar polo concello e subscribir a correspondente solicitude. Desde o concello queremos potenciar este importante servizo público complementario dotando á Agrupación de Voluntarios de Protección Civil, tanto dos recursos técnicos como formativos, para que poidan desempeñar o seu labor e sexa un medio significativo da participación cidadá na vida comunitaria que tamén vela polo benestar e protección dos veciños e veciñas do concello ", di o alcalde, Xan Jardón.