Vilar de Santos amplía a instalación de enerxía solar térmica no Centro de día e Vivenda Comunitaria

Centro de Dia Vilar de Santos
Vilar de Santos amplía a instalación de enerxía solar térmica no Centro de día e Vivenda Comunitaria

O Concello de Vilar de Santos executou o proxecto de \“Ampliación da instalación solar térmica no Centro de Día e Vivenda Comunitaria\”, por un importe global de 17.252,18 euros. O proxecto contou cunha financiación de 8.802,59 euros por parte do Instituto Enerxético de Galicia adscrito á Consellería de Economía, Emprego e Industria para proxectos para a creación, mellora e ampliación de pequenas infraestruturas de enerxías renovables, cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Plan de desenvolvemento rural de Galicia 2014-2020. Os 8.449,59 euros restantes, foron aportados polo concello.

Hai que recordar que o Concello puxo en marcha xa no ano 2008 o Centro de Día, ante o envellecemento progresivo da poboación e a aparición de novas necesidades, co obxectivo prioritario de atención ás persoas maiores no seu entorno facilitando o seu desenvolvemento. Trátase dun centro polivalente que combina nun mesmo edificio as posibilidades do Centro de Día cunha zona residencial de Vivenda Comunitaria, aberta no 2012 con espazos comúns complementarios e todo tipo de servizos integrados e actividades cunha atención especializada e de calidade. Na actualidade atendemos a 9 persoas no Centro de Día e 6 máis na zona residencial.

Despois destes anos de funcionamento detectáronse insuficiencias no sistema de enerxía solar térmica do Centro de Día que cumpría subsanar co obxectivo de adecuar as instalacións á tecnoloxía actual dispoñible e mellorar o equipamento. O proxecto tivo por obxecto a ampliación da instalación solar térmica para a produción de auga quente sanitaria e calefacción a baixa temperatura. O Centro tiña actualmente 5 colectores solares na cuberta. A ampliación da instalación solar permitiu a instalación doutra batería de 5 colectores máis. Polo tanto a instalación solar térmica contará con 10 placas solares e un novo depósito interacumulador común de 700 litros. Este sistema será o encargado de recibir a radiación solar e transformala en calor. O apoio realízase mediante unha caldeira de gas modulante que proporciona a enerxía necesaria á auga cando a achega solar non sexa suficiente. A Redución de emisións previstas é de 896 kg de CO2 e un aforro enerxético previsto do 40%.

A actuación forma parte do novo Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética do concello, que aplicamos co horizonte do 2020 e co que pretendemos seguir modernizando os servizos públicos municipais, adoptando medidas de aforro e eficiencia enerxética, con sistemas mais eficientes que permitirán manter os consumos enerxéticos controlados e axustados, con aforros inmediatos, importantes e significativos, a pesar da suba enerxética.

Este proxecto súmase a outras actuacións levadas a cabo desde a súa apertura para seguir modernizando e adecuando as instalacións e ampliando os servizos no Centro de día, un instrumento básico no avance do benestar e da calidade de vida e da integración e cohesión social de todos os veciños e veciñas de Vilar de Santos.