Vilar de Santos conta cun orzamento de 780.000 euros para este ano 2016

ALCALDE VILAR DE SANTOS
Vilar de Santos conta cun orzamento de 780.000 euros para este ano 2016

As taxas e impostos municipais seguirán conxeladas como en 2015

O Concello de Vilar de Santos fixo público o orzamento que aprobou para este ano. Un total de 780.000 euros, dos cales 328.183 son para gastos de persoal. Dende o consistorio sinalan que se incrementou esta partida para atender necesidades e reforzar servizos sociais así como a atención na Escola Infantil.

Uns 214.074 euros teñen como destino sufragar gastos correntes e propóñénse reforzar e manter a inversión produtiva con 220.811 euros para investimentos públicos. O 73% do orzamento está representado por actuacións como protección e promoción social, servizos públicos básicos, educación, cultura, deporte e outros programas cos que traballa o Concello.

Algúns dos proxectos que levarán a cabo en Vilar de Santos son ampliar o Servizo de Axuda no Fogar, incrementar a atención a persoas maiores e na Escola Infantil.

No plano laboral, están preparando a venda dun lote de parcelas de solo industrial que funcionarán coas novas inversións públicas. Neste senso tamén levarán a cabo programas de formación para desempregados e liñas de apoio a emprendedores.

Por outra banda procederán á mellora de infraestruturas e equipamentos públicos, isto é, acondicionamento de camiños agrícolas ou da rede de abastecemento. Tamén seguirán adiante co Plan de Aforro de Eficiencia Enerxética.

Dende o consistorio apuntan que as taxas e impostos municipais de 2016 permanecen conxelados, igual que no ano 2015 o que suporá un maior esforzo económico e de xestión para o Concello. Así as cousas, sinalan que carecen de débeda pública, que non existe ningún plan de axuste e que non hai débedas cos provedores.

O rexedor , Xoan Jardón, engade que "estas contas son un reflexo das nosas prioridades e son indicativas da boa xestión levada a cabo no concello,con planificación, sen facer recortes nos servizos públicos esenciais e acometendo os investimentos necesarios para o desenvolvemento do concello".