Vilar de Santos incorpora 10 Km de novos camiños na parroquia de Parada

Camiño parcelaria en Bréixome de Abaixo
Vilar de Santos incorpora 10 Km de novos camiños na parroquia de Parada

Estivo en execución o Proxecto da Rede de Camiños da zona de Concentración Parcelaria de Guillamil-Sabariz (Rairiz de Veiga- Vilar de Santos) por parte da Consellería do Medio Rural

Levouse a cabo a construción da Rede de Camiños Principais que deixan vertebrada a zona de concentración parcelaria que abarca zonas dos dous concellos. No concello de Vilar de Santos, na parroquia de Parada de Outeiro, quedaron definidos 10 km de camiños. Ampliáronse camiños xa existentes e procedeuse á apertura doutros de nova traza que permiten dar servizo ás fincas e comunicar mellor os pobos de Toxediño, A Venda, Bréixome de Abaixo, Bréixome de Arriba e Laioso, co resto dos pobos da parroquia e tamén cos pobos limítrofes do concello de Rairiz. Con esta actuación queda executada a infraestrutura básica de camiños que dan paso ás seguintes fases do Proxecto de concentración, agora xa en bases definitivas.

Coa posta en servizo destes 10 Km de novos camiños na parroquia de Parada, Vilar de Santos amplía a rede de camiños da parcelaria e agrícolas de máis de 53 Km, unha infraestrutura básica para o noso desenvolvemento. Desde 2014, o concello ten invertido máis de 1 millón de euros nun amplo e ambicioso Programa de Infraestruturas planificado e sistemático con actuacións de renovación e mellora viaria, de conservación-mantemento, de limpeza de cunetas, de apertura de novos camiños e de protección do medio rural e natural en todo o municipio nun total de 63 km, practicamente a totalidade da rede municipal de camiños agrícolas e asfaltados, fundamentais e básicos para facilitar o tránsito e o acceso ós pobos, ás fincas, granxas e outras instalacións e tamén para manter a actividade e dinamismo no sector agrario, nas mellores condicións posibles evitando o deterioro e previr os efectos negativos da meteoroloxía nas infraestruturas e nas terras de cultivo.Camiño parcelaria en Bréixome de Abaixo

Na zona da concentración parcelaria na parroquia de Parada será modificada unha superficie de 300 hectáreas. Este proxecto de reestruturación agraria súmase ás 1.200 hectáreas xa concentradas no concello no ano 1991. Contaremos polo tanto cando finalice o proxecto cunhas 1.500 hectáreas de terras dun enorme potencial agrario concentradas para o cultivo, que supoñen aproximadamente o 75% da superficie total do concello. Cun enorme potencial agrario

Desde o grupo de goberno do concello, temos optado desde sempre polo aproveitamento e posta en valor dos nosos recursos; e o sector agrario do concello, conforma unha das nosas bases produtivas, ten un carácter estratéxico e o proceso de concentración parcelaria demostrouse necesario, permitiu a ordenación territorial, mellorar e modernizar as explotacións, evitar o abandono das terras, a incorporación de xente nova e impulsar a actividade e produción agraria no municipio. Esta nova rede de camiños significa darlle continuidade ó proceso de modernización e reforza toda a dotación de infraestruturas públicas do concello e vainos permitir ademais planificar os investimentos e mellorar as dotacións existentes e facilitará a realización de futuras actuacións nos pobos da parroquia de Parada.