Vilar de Santos inicia o curso na Escola Infantil

Escola infantil Vilar de Santos agosto 18
Vilar de Santos inicia o curso na Escola Infantil

O presente curso iníciase con 10 nenos e nenas

Coa chegada do mes de setembro, o vindeiro luns día 3 comeza novamente o curso na Escola Infantil de Vilar de Santos. Haberá unha reunión cos pais e nais e iniciarase o período de adaptación cos nenos e nenas.

A Escola permaneceu pechada durante o mes de agosto, no que aproveitamos para facer pequenos arranxos e tarefas de mantemento e melloras no centro.

Desde a súa apertura no ano 2013, a Escola Infantil de Vilar de Santos, segue medrando e o obxectivo inicial de convertela nun espazo dinamizador de referencia e de atención educativa conseguiuse plenamente.

A Escola é un éxito innegable e permitiunos poñer á disposición das familias con nenos entre os 0-3 anos, un servizo moi especializado para contribuír tanto ao desenvolvemento integral dos nenos e nenas como á corresponsabilidade e á conciliación da vida laboral e familiar. O presente curso 2018-19, iniciase con 10 nenos e nenas matriculados.

A Escola é un servizo público de funcionamento diúrno, de titularidade municipal e xestión directa por parte do concello. Permanece aberta de luns a venres en horario de 8 a 16 horas e conta con dúas prazas de persoal especializado na atención educativa á infancia.

Neste novo curso continuaremos cos servizos e novos proxectos e actividades dentro dunha planificación comprometida coa realidade do mundo rural e cun ensino de calidade, contextualizado e dinamizador do medio, compartindo experiencias.

A Escola é unha nova alternativa e neste momento no que se está a producir unha supresión e redución de aulas, profesorado e servizos educativos na provincia, reforza toda a dotación de infraestruturas e equipamentos públicos do concello de Vilar de Santos para facer fronte ás novas demandas. A Escola é outra aposta de futuro máis desde o grupo de goberno do Concello para garantir e seguir avanzando na calidade de vida e o benestar dos veciños e veciñas. Un servizo público de alta calidade que se consolida día a día co obxectivo de frear o envellecemento, permitindo reducir o descenso demográfico e xerar atractivo para persoas que queiran establecerse en Vilar de Santos.