VILAR DE SANTOS MELLOROU INFRAESTRUTURAS PÚBLICAS CUNHA INVERSIÓN DE 140.000 EUROS

Ruta de Parada
VILAR DE SANTOS MELLOROU INFRAESTRUTURAS PÚBLICAS CUNHA INVERSIÓN DE 140.000 EUROS

Cun investimento global de 140.000 euros, o Concello de Vilar de Santos executou varios proxectos incluídos nun completo e amplo Programa de Infraestruturas con diversas actuacións de renovación e mellora viaria e conservación e protección do medio rural e natural en todo o municipio nestes meses

Cun orzamento total de 34.377 euros, realizouse un Proxecto de mellora de camiños. Este proxecto contemplou a mellora nun total de 13 Km da rede municipal de camiños agrícolas da concentración parcelaria coa nivelación e acondicionamento das pistas con zahorra e posterior limpeza de cunetas para evitar os encharcamentos e desbordamentos. Na zona de Rede Natura do concello investíronse un total de 5.447 euros nun total de 6 Km mais de pistas e camiños nunha actuación dirixida á mellora da paisaxe agraria coa limpeza e restauración dos camiños de acceso ás fincas desta zona, cunha axuda da Consellería de Medio Ambiente. Estas actuacións son fundamentais tanto desde o punto de vista das infraestruturas como desde a actividade agraria, co arranxo e mellora de 19 Km de camiños para facilitar o acceso ás fincas e tamén para tratar de previr os efectos negativos do encharcamento de auga nos camiños e nas terras de cultivo e manter a actividade e dinamismo no sector agrogandeiro do concello.

Incluído no Plan Provincial de Obras coa Deputación, finalizou a inversión de 50.000 euros para un proxecto de obras de mellora na rede viaria municipal de Bréixome de Arriba-Laioso e Casas da Veiga e tamén obras menores na rede municipal de saneamento do concello, en Barrio e Parada, por un importe de 12.000 euros.

Ademais deste conxunto de proxectos o Concello de Vilar de Santos, ten realizado un esforzo adicional para poñer en marcha outros traballos de recuperación de camiños tradicionais, o desbroce e limpeza en todos os pobos e espazos públicos, o mantemento de camiños forestais e cortalumes e a limpeza dos regatos e desaugadoiros. Desta maneira coa finalidade de mellorar as posibilidades de conservación e de desfrute da paisaxe e do medio natural e patrimonial actuamos na rede de sendeiros e a súa conexión co resto de camiños do concello, nun total de 19 Km totalmente aptos para realizar as rutas camiñando ou en bicicleta BTT, nos sendeiros de Castelaus, o do Ruxidoiro e o de Parada.

Por outro lado, no Parque Empresarial de Santa Marta e con financiación da Consellería de Economía e Industria e do Concello tamén se executou un proxecto de mellora nos accesos, pintado de viais e outras actuacións menores cun importe global de 18.100 euros. Esta nova actuación complementa as instalacións e infraestruturas do Parque Empresarial.