Vilar de Santos participa na campaña “En negro contra as violencias - Vilar de Santos en Negro”

121212
Vilar de Santos participa na campaña “En negro contra as violencias - Vilar de Santos en Negro”

O Concello de Vilar de Santos participa, xunto a outros 102 concellos e as Deputacións de Coruña, Lugo e Pontevedra, na campaña Concellos en Negro – Vilar de Santos en Negro - co obxectivo de promover e facer visible o noso rexeitamento ante calquera tipo de violencia contra as mulleres con motivo do 25 de novembro como Día Internacional da Eliminación da Violencia contra as Mulleres pola Asemblea Xeral das Nacións Unidas. Xa participamos na campaña no ano 2017.

Convidamos á toda a veciñanza a participar nas actividades que están en marcha, desde hoxe ata o 26 de novembro dirixidas a sensibilizar respecto da situación de violencia na que viven moitas mulleres. Durante estes días usaremos o negro, símbolo do loito, en todos os pobos e nos locais e servizos municipais, centros sociais, no centro de dia, na escola infantil, no Museo, e ademais tamén colaboran connosco os establecementos, empresas, os bares, farmacia, o centro de saúde, ou calquera veciña ou veciño que queira facelo.

A través de camisetas, carteis e outros distintivos, mostraremos e faremos visible o noso rexeitamento á violencia machista. Tamén faremos un tratamento especifico na Web do concello e de difusión nas redes sociais.

Ademais a campaña conta cunha web En negro contra as violenciasna que calquera persoa interesada pode descargar o material identificativo e difundilo. Todos os materiais da campaña están dispoñibles e distribuiranse ó longo destes días. Deste xeito estas imaxes pódense usar nas redes sociais ou en espazos físicos.

O acto central da campaña Vilar de Santos en Negro, terá lugar o venres 23 de novembro. Ás 12 da maña na praza do concello darase lectura a un manifesto institucional contra as violencias, simultaneamente cos outros 102 concellos de Galicia nun acto aberto ao que está convidada a veciñanza. Paralelamente na escola infantil, os nenos e nenas tamén mostrarán o seu rexeitamento cun acto simbólico.

Dende o Concello queremos expresar con firmeza, non só o noso rexeitamento ás violencias que sofren as mulleres polo feito de selo, senón tamén dar conta de que é algo que nos compromete a todas e a todos, recoñecendo a importancia do papel das entidades locais en tanto poderes públicos próximos ás realidades que viven as mulleres, os nenos e as nenas.

Desde o Concello de Vilar de Santos queremos reiterar o noso compromiso para loitar pola erradicación das violencias contra as mulleres; amosando, ademais, o noso firme rexeitamento de quen a exerce e da complicidade de quen as silencia.