VILAR DE SANTOS PECHOU 2018 CUN RESULTADO ORZAMENTARIO POSITIVO DE 72.953 EUROS

Casa do Concello de Vilar de Santos
VILAR DE SANTOS PECHOU 2018 CUN RESULTADO ORZAMENTARIO POSITIVO DE 72.953 EUROS

Dispón dun Remanente de Tesourería para gastos xerais de 284.563,64 €

O concello de Vilar de Santos pechou a Liquidación do Orzamento do exercicio 2018, cun resultado orzamentario positivo de 72.953,64 euros -un 35% máis que no 2017- que indica que o Concello deu financiado a súa actividade e proxectos. É un saldo que permite coñecer, e polo tanto, expresa a solvencia ou capacidade económica que temos para afrontar os pagos e compromisos financeiros.

Nesta Liquidación destacan como datos relevantes o resultado orzamentario positivo e por outro lado o Remanente de Tesourería para gastos xerais de 284.563,64 euros, un 3,37% máis respecto ao ano 2017; un excedente de liquidez co que contamos e podemos dedicar a reforzar e financiar un maior volume de gasto para a inversión produtiva e proxectos. Destacar que o Remanente de Tesourería incrementouse nestes últimos anos máis do 10%, desde o 2015.

Estes datos e cifras foron xerados e logrados grazas á xestión e ao control e racionalización dos gastos correntes municipais, pero sen renunciar á inversión o que permitiu operar con máis eficacia e máis autonomía e alcanzar os obxectivos previstos a pesar das limitacións e restricións impostas polo goberno central e a Xunta.

Outro aspecto relevante e fundamental: a débeda pública do concello é cero e a débeda con provedores tamén é cero. Tamén cumprimos cos principios de eficiencia e estabilidade orzamentaria e sostibilidade financeira.

O Remanente de Tesourería para gastos xerais, será empregado e priorizado para levar a cabo proxectos xa definidos en varias áreas de actuación relativas á dinamización da actividade económica e o emprego, a aposta polos servizos sociais municipais e continuar ca mellora das infraestruturas e equipamentos públicos do concello.

As contas da Liquidación do orzamento son indicativas da boa xestión realizada polo goberno municipal nos aspectos económico, financeiro, patrimonial e orzamentario e da garantía e liquidez do concello e poñen de manifesto a nosa capacidade e solvencia que se incrementou nestes anos, proporcionando seguridade económica e permiten afrontar o futuro con melloras nos servizos públicos esenciais, así como acometer os investimentos necesarios para o desenvolvemento do concello con recursos propios e atendendo todos os compromisos para seguir avanzando no benestar social e na mellora da calidade de vida para todos os veciños e veciñas de Vilar de Santos, e reflicten o noso compromiso cunha xestión pública transparente, eficiente e solvente co diñeiro público”.