Vilar de Santos pon en marcha un Centro de Iniciativas e Emprendemento

Centro Iniciativas Vilar de Santos posterior
Vilar de Santos pon en marcha un Centro de Iniciativas e Emprendemento

A dinamización económica ten sido un obxectivo prioritario para o Concello de Vilar de Santos, optando pola posta en valor dos recursos e capacidades locais para dotarnos de infraestruturas e servizos públicos de calidade con numerosos proxectos e investimentos realizados nos últimos anos no ámbito do desenvolvemento económico que incentiven e faciliten todo tipo de actividades.

Consideramos que as administracións públicas temos un importante papel na busca de novas alternativas. Desde a Axencia de Desenvolvemento Local do Concello impulsamos a dinamización do territorio tanto no apoio á consolidación das empresas asentadas no concello, como á creación de novas, no fomento da actividade económica, a formación, a xestión de axudas e subvencións de interese e no asesoramento, información e asistencia para os emprendedores en novos proxectos e iniciativas.

O proxecto para dispor dun Centro de Iniciativas no antigo Centro de Saúde, significou darlle continuidade como recurso de dinamización económica e de prestación de servizos e por outro lado rehabilitar e renovar totalmente este edificio cunha mellora integral que cumpra a súa nova función.

Centro Iniciativas Vilar de Santos frontalO Centro de Iniciativas e Emprendemento de Vilar de Santos é un servizo público de funcionamento e titularidade municipal e xestión directa por parte do concello, que ten por obxecto facilitar o establecemento, arranque e consolidación de novas empresas ou a viabilidade doutras xa existentes. O obxectivo fundamental é o apoio e continuidade de empresas de recente creación e proxectos de autoemprego que, pola súa viabilidade, poidan contribuír en termos económicos, comerciais, de emprego, etc. ao desenvolvemento municipal.

Conta cunha superficie construída de 200 m2, distribuídos en planta baixa, primeira planta e unha planta baixo-cuberta, con cinco espazos-despachos de diversos tamaños, espazos comúns e unha sala de xuntas. O concello cederá temporalmente o uso dun espazo-despacho aos emprendedores que terán un espazo físico e ademais unha serie de servizos básicos cubertos, facer uso da sala de xuntas, fotocopiadora e outros. Pretendemos xerar un espazo “coworking”, aberto ao traballo colaborativo. Os prezos oscilan entre os 12, 15, 20 e 30 euros/mes. A duración do contrato será de 1 ano, podendo prorrogarse por períodos anuais ata completar un máximo de 3 anos. Os interesados deberán presentar unha solicitude acompañada da documentación requirida para o proxecto para a súa avaliación e selección.

O Centro de Iniciativas seguirá impulsando o crecemento económico e a proxección de Vilar de Santos como un lugar atractivo para a actividade económica. Este novo servizo municipal reforza toda a dotación de infraestruturas e equipamentos públicos do concello para facer fronte ás novas demandas e permitiranos poñer á disposición dos emprendedores do concello, da comarca da Limia e mesmo da provincia, un espazo integral de servizos en clave de proximidade ao territorio, un recurso máis, que estableza sinerxias inmediatas co Parque Empresarial e coas empresas instaladas nel e no resto do concello.

Outra aposta do grupo de goberno do Concello por seguir impulsando un modelo de desenvolvemento propio que fomenta e apoia a economía produtiva con proxectos innovadores e singulares, con perspectiva de futuro e certa especialización. Queremos que Vilar de Santos sexa un espazo atractivo para investir e asentarse apoiando á mocidade, á iniciativa emprendedora e o emprego.