Vilar de Santos pon en marcha un novo programa de servizos sociais en colaboración co Servizo Galego de Saúde

Casa do Concello de Vilar de Santos
Vilar de Santos pon en marcha un novo programa de servizos sociais en colaboración co Servizo Galego de Saúde

Desde o Concello de Vilar de Santos entendemos os Servizos Sociais desde unha concepción global, transformadora e integradora de toda a poboación e mellorar a atención que prestamos e achegar os servizos a todos os veciños e veciñas é un obxectivo prioritario. Temos traballado en coordinación co Centro de Saúde, co obxectivo de detectar necesidades, derivar casos e información pero ás veces, hai persoas que non se dirixen aos Servizos Sociais por diversas causas e tamén nalgunha ocasión por cuestións operativas e loxísticas, xa que o Centro de Saúde e a Casa do Concello non están xuntos, e para as persoas de idade avanzada ou con problemas de mobilidade, o desprazamento resulta complicado.

Nas reunións de coordinación entre o Departamento de Servizos Sociais do concello e o Centro de Saúde, xurde a idea deste Programa piloto, para mellorar a atención ás persoas susceptibles de ser receptoras dalgún recurso e servizos do ámbito social coa finalidade de que a Traballadora Social do Concello poida levar a cabo as súas funcións de intervención, atención directa e asesoramento dos recursos sociais sen necesidade de desprazarse á Casa do Concello, nun espazo dentro do propio Centro de Saúde.

En xaneiro de 2019, desde o Concello solicitamos a colaboración do Servizo Galego de Saúde- Xerencia de Xestión Integrada de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras para este Programa e poder utilizar unha sala no Centro de Saúde de Vilar de Santos. A Xerencia, á vista da petición do Concello, propuxo a tramitación dun convenio, co obxecto de formalizar a cesión do espazo para levar a cabo o proxecto.

Na I Xornada de Atención Socio-sanitaria na comarca da Limia, celebrada o pasado mes de abril no Centro de Saúde de Vilar de Santos, falamos da iniciativa.

Despois destes meses de tramitación, o día 10 de outubro, asinouse o convenio entre o xerente de Xestión Integrada de Ourense, Verín e o Barco de Valdeorras, Félix Rubial Bernardez e o alcalde de Vilar de Santos.

Desta maneira, desde o próximo luns 21 de outubro, a Traballadora Social do Concello estará ós luns de 9,30 a 12 horas no Centro de Saúde, para atender a todos os veciños e veciñas que acoden a el e poder prestarlles unha atención individualizada, inmediata e adaptada a todas as persoas e as súas necesidades, dunha maneira conxunta e coordinada cos servizos do Centro de Saúde, xa que no mesmo momento en que se detecta unha situación de necesidade social, se pode intervir inmediatamente no caso dende os Servizos Sociais.

Nestes anos desde o Concello conseguimos un marco xeral de colaboración e cooperación institucional mediante a firma de todo tipo de protocolos e convenios de colaboración coas diferentes administracións públicas para lograr os obxectivos e os compromisos planteados. “E seguimos avanzando, dando un paso máis. Neste sentido, este Programa piloto co Sergas destaca pola súa innovación social, responsable de ofrecer un traballo colaborativo e interdisciplinar. Poñemos en marcha un novo servizo combinando e xuntando esforzos, recursos e ideas para conseguir mellorar a atención e a cohesión social dos nosos veciños e veciñas”, di o alcalde Xan Jardón.