Vilar de Santos prorroga o Programa de Rehabilitación de vivendas para o 2017

Vilar de Santos
Vilar de Santos prorroga o Programa de Rehabilitación de vivendas para o 2017

ova fase para as actuacións na ARI de Vilar de Santos cunha financiación prevista de 383.142,86 €.

O Concello de Vilar de Santos procedeu a prorrogar o Programa de Rehabilitación da Área de Rexeneración e Renovación Urbana do entorno do núcleo de Vilar de Santos que conta con financiación do Ministerio de Fomento, a Xunta de Galicia e o propio Concello e que significa unha nova fase para as actuacións na ARI de Vilar de Santos cunha financiación prevista de 383.142,86 €.

A Área de Rexeneración e Renovación Urbana de Vilar de Santos foi declarada no 2011.

A Área de Rehabilitación Integral-ARI –agora Área de Rexeneración e Renovación Urbana de Vilar de Santos– foi declarada no 2011 polo IGVS delimitando un ámbito cunha superficie de 147.981 m² no que están incluídas vivendas, construcións complementarias e diversos equipamentos.

Na primeira fase da ARI, culminada no 2015, aprobáronse as bases reguladoras da primeira convocatoria de subvencións para a rehabilitación que permitiu actuacións en once vivendas, cunha inversión de más de 160.000 €, dos que 72.259 foron aportados como subvención por Fomento, Xunta e Concello, complementados coas achegas dos propietarios das casas. Unha nova fase no 2016 permitiu obras en tres vivendas mais.

O novo programa prevé unha inversión real de 383.142,86 €.

Nesta prórroga do convenio, o Ministerio de Fomento achegará a cantidade de 129.241,85 € para as actuacións. Unha cantidade á que hai que engadir outras aportacións e a inversión dos particulares, polo que o programa prevé unha inversión real de 383.142,86 €.

A prorroga do convenio permitirá afrontar as actuacións de rehabilitación coas axudas económicas previstas na ordenanza, en 21 novas vivendas para o ámbito da ARI. O Concello canalizará toda a información e a xestión das axudas a través da Oficina de Rehabilitación. A súa principal función será facilitar e ofrecer un asesoramento técnico continuado, coordinar as actuacións de rehabilitación, redacción de informes e memorias de obras, así como a tramitación de toda a documentación.

A convocatoria de axudas dirixidas aos propietarios dos edificios e vivendas da Area de Rehabilitación Integral para a execución de obras, estará vixente ata o 30 de xuño de 2017.

A ARI de Vilar de Santos foi e segue a ser unha actuación pioneira e innovadora nun concello rural

A ARI de Vilar de Santos foi e segue a ser unha actuación pioneira e innovadora nun concello rural, a única destas características na provincia de Ourense, xa que as outras, correspóndense con núcleos históricos e cidades, de aí a súa importancia e transcendencia. Vilar de Santos é o único municipio rural da provincia que conta cunha Área de Rehabilitación Integral deste tipo.

A Área de Rehabilitación Integral de Vilar de Santos, significa darlle continuidade ao proceso de rehabilitación iniciado baixo iniciativa pública e privada, co obxectivo primordial de evitar o abandono e revitalizar o entorno e fixar e atraer poboación dentro dun proxecto planificado desde o punto de vista técnico e financieiro e favorecer a actividade económica e o emprego no concello.