Vilar de Santos xestionará un orzamento de 1.020.000 euros para o 2018

Casa do concello Vilar de Santos
Vilar de Santos xestionará un orzamento de 1.020.000 euros para o 2018

O Concello de Vilar de Santos aprobou no pleno do 1 de febreiro o orzamento para o ano 2018 que ascende a 1.020.000 euros, cun incremento do 30% máis respecto do 2017.

Globalmente as actuacións de protección e promoción social, os servizos públicos básicos, educación, cultura e outros programas representan a maior parte do orzamento. En cifras, o gasto de persoal do concello supón o 36%, 329.450 euros, co que se xestionan directamente todos os servizos municipais para atender as novas necesidades xurdidas e reforzar a atención dos servizos sociais comunitarios e outros como a Escola Infantil. Os gastos correntes significan o 21,9%, 224.290 euros, un 3,8% menos que no ano 2017, logrados grazas ao control e racionalización do gasto. Reforzan a inversión produtiva, cun incremento do 73% respecto do 2017, destinando a investimentos públicos 411.917 euros, o 40% do orzamento, para consolidar e financiar máis proxectos.

Cuestións relevantes tamén son que a débeda pública do concello é cero, a inexistencia de ningún plan de axuste e de ningunha débeda con provedores.

Ademais as taxas e impostos municipais para 2018 permanecerán conxeladas, o mesmo que no 2015, no 2016 e no 2017; o que implica un maior esforzo económico e de xestión. Os posibles aumentos nos custes dos servizos non serán repercutidos aos veciños e serán asumidos polo municipio. De feito, introducen modificacións fiscais na Ordenanza Fiscal reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles –IBI–, na Ordenanza reguladora do Imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras –o ICIO– e na Ordenanza reguladora do Imposto sobre Actividades Económicas –IAE–, fixando bonificacións de ata o 95% para proxectos novos ou ampliacións dos existentes que creen emprego durante un período de 3 anos, que vai permitir a adhesión do concello á iniciativa "Concellos Doing Business Galicia" entre a Xunta de Galicia e a FEGAMP para fomentar a implantación e fixación de empresas en Galicia. Pretenden dinamizar, incentivar e axudar ás empresas e novos proxectos e negocios e ao mesmo tempo xerar atractivo para as persoas que queiran vivir e establecerse en Vilar de Santos.

Cuestións relevantes tamén son que a débeda pública do concello é cero, a inexistencia de ningún plan de axuste e de ningunha débeda con provedores.

No 2017 Vilar de Santos foi o concello da Limia con menor descenso de poboación.

Son uns orzamentos consolidados, equilibrados, cunha clara vocación inversora –o 40% do orzamento– para levar a cabo proxectos que van permitir reforzar a aposta do goberno municipal de Vilar de Santos para garantir servizos públicos de calidade e consolidar o aproveitamento e posta en valor dos recursos locais para seguir impulsando o seu modelo de desenvolvemento e benestar, co obxectivo de frear o envellecemento e reducir o descenso demográfico e asentar poboación. No 2017 Vilar de Santos foi o concello da Limia con menor descenso de poboación. Neste senso priorizarán varias áreas de actuación:

  1. Aposta polos servizos sociais municipais, públicos e excelentes. Como un instrumento básico de integración e cohesión social e de mellora da calidade de vida:
    • co reforzamento e a ampliación do Servizo de Axuda no Fogar para a atención á dependencia.
    • Melloras no Centro de Día e dos servizos da Escola Infantil.
    • Novos servizos para nenos e mocidade e un novo Plan de Igualdade.
  2. Dinamización da actividade económica e o emprego. Para facer de Vilar de Santos un espazo atractivo para investir e crear emprego:
    • O Concello prepara a venda dun novo lote de parcelas de solo industrial dispoñible no Parque Empresarial.
    • O obradoiro de emprego e previsión de novos programas de formación e emprego para desempregados.
    • Outra medida importante: a posta en marcha do Centro de Iniciativas, agora no mes de febreiro.
  3. Mellora das infraestruturas e equipamentos públicos:
    • Continuar ca rehabilitación de vivendas e espazos públicos na ARI de Vilar de Santos e no resto dos pobos.
    • Proxectos de mellora na rede municipal de camiños e accesos e na rede de abastecemento e saneamento.
    • Mellora das instalacións deportivas.
    • Continuar co Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética, con actuacións na iluminación pública municipal.
  4. Valorización do noso patrimonio cultural e turístico, con actuacións previstas no Museo da Limia e noutros recursos e bens patrimoniais e turísticos do concello.

"Estes orzamentos son un reflexo das nosas prioridades e son indicativos da excelencia e boa xestión levada a cabo no concello, con planificación, con servizos públicos de calidade e eficientes e acometendo os investimentos necesarios para o desenvolvemento do concello, atendendo todos os compromisos para seguir avanzando no benestar social e na mellora da calidade de vida de todos os veciños e veciñas de Vilar de Santos", di o alcalde Xan Jardón e "neles reflectimos o noso compromiso cunha xestión pública transparente, eficiente e solvente co diñeiro público".