VILAR DE SANTOS XESTIONARÁ UN ORZAMENTO DE 780.000 EUROS PARA O 2015

ALCALDE VILAR DE SANTOS
VILAR DE SANTOS XESTIONARÁ UN ORZAMENTO DE 780.000 EUROS PARA O 2015

O Concello de Vilar de Santos aprobou inicialmente o orzamento para o ano 2015 que ascende a 780.000 euros

En cifras, o gasto de persoal supón o 39%, diminuíndo a pesar dos novos servizos coma a Escola Infantil. Os gastos correntes significan 189.197 euros, o 24% cunha diminución respecto do ano 2014 logrados grazas ao control e racionalización do gasto, ao tempo que reforzamos a inversión produtiva, destinando a investimentos 265.595 euros, o 34% do orzamento, un 4% mais respecto do 2014, para reforzar e financiar máis inversión produtiva e proxectos.

Ademais as taxas e impostos municipais para 2015 permanecerán conxeladas para adaptarse á situación económica xeral o que implica un maior esforzo económico e de xestión. Os posibles aumentos nos custes dos servizos non serán repercutidos aos veciños e serán asumidos polo concello. Todo isto, sen reducir a eficiencia e calidade dos servizos municipais.

Cumprimos cos principios de eficiencia, estabilidade orzamentaria e sostibilidade financeira. Inexistencia de débeda pública, de ningún plan de axuste e de ningunha débeda con provedores.

Estes orzamentos permiten reforzar a aposta do Goberno municipal de Vilar de Santos e continuar centrando os nosos esforzos no aproveitamento e posta en valor dos recursos e das capacidades locais para dotarnos de infraestruturas, equipamentos e garantir uns servizos públicos de calidade.

Son uns orzamentos realistas e equilibrados, que están priorizados para levar a cabo proxectos en varias áreas de actuación:

  1. Dinamización da actividade económica e o emprego. Queremos consolidar as bases para facer de Vilar de Santos un espazo atractivo para investir e crear emprego.

O Concello prepara a venda dun novo lote de parcelas de solo industrial dispoñible que financiarán novas inversións. O prezo final fixado é de 20 euros/ m2, un prezo do solo industrial moi competitivo para a instalación de novas empresas e servizos no Parque Empresarial, ao tempo que establecemos unha liña de incentivos, modificando a Ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre construcións, instalacións e obras – o ICIO, cunha bonificación do 80% a favor daqueles proxectos que sexan declarados de especial interese municipal por fomentar a creación de emprego.

Outra medida importante vai ser o apoio ao emprendemento no entorno local con todo tipo de accións de dinamización e busca de alternativas e diversificación, xa en marcha.

  1. Aposta polos servizos sociais municipais, públicos e de calidade:
    • co reforzamento e a ampliación do Servizo de Axuda no Fogar para unha mellor atención á dependencia e a ampliación dos diversos programas xa en marcha, especialmente o de Envellecemento Activo
    • Melloras no Centro de Atención de Persoas Maiores, tanto no Centro de Día como na zona residencial da vivenda comunitaria
    • Ampliación dos servizos da Escola Infantil.
    • Mellora dos servizos á mocidade
  2. Mellora das infraestruturas e equipamentos públicos:
    • Continuar coas actuacións na Area de Rehabilitación Integral de Vilar de Santos, con novas inversións para seguir ca recuperación da zona.
    • Proxecto de mellora na rede municipal de pistas e camiños agrícolas co acondicionamento nun total de 12 Km.
    • Obras de mellora na rede de servizos de saneamento e abastecemento
    • continuar co Plan de Aforro e Eficiencia Enerxética con novas actuacións de iluminación

\“Estas contas son indicativas da boa xestión do concello sen facer recortes nos servizos públicos esenciais, así como acometer os investimentos necesarios para o desenvolvemento do concello atendendo todos os compromisos para seguir avanzando no benestar social e na mellora da calidade de vida para todos os veciños e veciñas de Vilar de Santos\”, di o alcalde. \“Neles reflectimos o noso compromiso cunha xestión pública transparente, racional, eficiente e solvente co diñeiro público\”.