13.000 € para a festa do Esquecemento

esquecemento 2 (6)
13.000 € para a festa do Esquecemento
A deputación Provincial aprobou unha achega de 13.000 ao concello de Xinzo para a festa do Esquecemento

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida esta mañá por vía telemática baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou a concesión de máis de 260.000 euros en axudas para cooperación cos concellos e deporte. Neste último capítulo aprobouse unha subvención de 30.000 euros a favor da Federación Galega de Piragüismo para sufragar gastos de funcionamento e actividades a desenvolver durante a presente tempada. Unha colaboración máis coa federación “que é o noso aliado nesa andaina para consolidar o ecosistema de turismo deportivo que levamos anos implantando na provincia”, declarou Manuel Baltar durante a comparecencia diante dos medios de comunicación tralo remate da Xunta de Goberno.

Polo que respecta á cooperación cos concellos, na orde do día da sesión figuraba unha axuda de preto de 187.000 euros ao Concello do Carballiño para a renovación das instalacións do campo de fútbol de Espiñedo. Tamén se aprobaron dúas achegas máis: 32.000 euros para traballos medioambientais en Carballeda de Valdeorras, e 13.000 para o Concello de Xinzo de Limia con destino á Festa do Esquecemento deste ano.