15.000 € de axuda para compra de vivendas en cascos hitóricos en Galicia

Casco histórico de Ribadavia
15.000 € de axuda para compra de vivendas en cascos hitóricos en Galicia

Son obxecto desta liña de incentivos vivendas xa construídas, sexan novas, usadas ou que se vaian a rehabilitar, e que se teñan adquirido despois do 1 de xaneiro

A Xunta de Galicia ofrece axudas de ata 15.000 euros para adquirir unha vivenda nun centro histórico galego. Así o avanzou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, durante a visita que realizou esta mañá a un inmoble de Ourense no que se concedeu unha axuda no ano 2021, acompañada do delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén.

Ángeles Vázquez avanzou que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe a convocatoria de 2022, dotada con medio millón de euros, coa que se agarda acadar os bos resultados de 2021, que se pechou coa concesión de 65 axudas para facilitar a compra de vivenda a outras tantas familias en 21 concellos galegos e das cales un 41,5% se concederon a mozos menores de 35 anos.

Indicou que desde mañá mesmo -e ata o 30 de setembro- poden presentar as solicitudes de axuda que -con carácter xeral- será de 10.800 euros e se incrementa ata os 12.800 euros, se o solicitante ten menos de 35 anos, e -ata os 15.000, no caso de atoparse nun ámbito das seis Áreas Rexurbe declaradas na actualidade en Galicia: A Coruña, Mondoñedo, Ribadavia, Tui, Ribadeo e -desde onte mesmo- Ferrol

Em canto aos requisitos para aceder ás mesmas, ademais de que a vivenda se sitúe nun do medio cento de concellos galegos con centro histórico, é necesario ser español ou ter residencia legal en España e ter subscrito con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2022 un contrato privado ou, se é o caso, unha escritura pública de adquisición dunha vivenda xa construída, sexa nova, usada ou que se vaia rehabilitar.

En todo caso, o importe da vivenda non poderá exceder dos 212.800 euros -se se ubica nun centro histórico dunha cidade, como é o caso de Ourense- e dos 182.640 euros, nos demais concellos.

A conselleira invitou aos galegos a tomar o exemplo de Paco Daza, un veciño de Ourense que o pasado ano recibiu unha axuda para adquirir a súa vivenda ubicada na rúa Progreso, e presenten unha solicitude. Ao mesmo tempo, lembrou que todas aquelas persoas que en 2021 presentaran unha solicitude, e quedaran fóra por esgotamento de crédito, teñen dereito a presentala novamente.

Por último, recordou que este programa -recollido no Pacto social pola vivenda de Galicia 2021-2025- non é o único que habilita o Goberno galego para apoiar a adquisición dun inmoble; senón que tamén se fixou un programa para comprar vivendas protexidas, que conta cun orzamento de dous millóns de euros e cuxa nova convocatoria está aberta ata o 30 de setembro- e o programa de adquisición de vivenda no rural para menores de 35 anos, que estará dotado dun millón de euros e que se prevé convocar no primeiro trimestre.