2,4 m € para o desenvolvemento de proxectos piloto, novos produtos, prácticas e tecnoloxías no sector agrario

4680scr_57b0c85569479d1
2,4 m € para o desenvolvemento de proxectos piloto, novos produtos, prácticas e tecnoloxías no sector agrario

Esta liña de axudas está destinada a fomentar a innovación nestes ámbitos produtivos mediante a incorporación de novidades ou coa aplicación de produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías xa existentes onde tradicionalmente non se utilizaba

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publiou a resolución da Consellería do Medio Rural, a través da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, pola que se convocan as axudas para o apoio de proxectos piloto, desenvolvemento de novos produtos, prácticas, procesos e tecnoloxías, no ámbito agroforestal. Esta liña de achegas ten un orzamento de 2,4 millóns de euros e está cofinanciada co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia 2014-2020. Dito orzamento divídese en 480.263 euros en 2022, 1.440.789 euros en 2023 e 480.263 euros en 2024.

Estas axudas concédense cos obxectivos de mellorar a competitividade dos produtores primarios integrándoos mellor na cadea agroalimentaria a través de réximes de calidade, de engadir valor aos produtos agrarios e de facer promoción en mercados locais e en circuítos de distribución curtos, agrupacións e organizacións de produtores e organizacións interprofesionais.

Ao mesmo tempo, estas achegas contribuirán a facilitar a entrada no sector primario de agricultores adecuadamente formados, ao uso máis eficiente da enerxía na agricultura e na transformación de produtos agrarios e a promover a subministración e o uso de fontes renovables de enerxía, subprodutos, residuos e demais materia prima non alimentaria para impulsar o desenvolvemento da bioeconomía.

Así, os beneficiarios desta liña de subvencións poderán ser organizacións ou entidades relacionadas coa produción primaria en agricultura, gandería ou silvicultura e empresas ou industrias transformadoras destes sectores, así como da área de enerxías renovables de orixe agrícola e forestal. Os interesados teñen de prazo un mes -contado a partir de mañá- para presentar de forma telemática as solicitudes.

En canto ás accións subvencionables, as áreas prioritarias de actuación son a xestión sustentable dos recursos naturais, os sistemas agrarios de produción, a industria e cadea agroalimentaria, a bioeconomía e a aplicación das tecnoloxías da información e comunicación ao sector.

Enlace á resolución de axudas:

https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2022/20220127/AnuncioG0528-301221-0001_gl.html