300€ de axuda da Deputación por neno nacido ou adoptado

montselamanenos
300€ de axuda da Deputación por neno nacido ou adoptado

O organismo provincial aprobou onte as bases reguladoras do Programa ChegOU para a concesión de axudas ao fomento da natalidade da provincia de Ourense.

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense celebrada na mañá de onte –día 23 de decembro– aprobou as bases reguladoras do Programa ChegOU para a concesión de axudas ao fomento da natalidade da provincia de Ourense. Así o informou a deputada de Transparencia e Goberno Aberto da Deputación de Ourense –e concelleira popular de Xinzo de Limia–, Montserrat Lama, quen deu conta dos acordos da Xunta de Goberno correspondente ao venres 23 de decembro.

As axudas van dirixidas aos proxenitores ou adoptantes dun neno menor dun ano, nacido no ano 2017 ou no último trimestre de 2016, inscrito nalgún rexistro civil da provincia de Ourense, e que cumpra os seguintes requisitos: figurar empadroado nalgún concello da provincia de Ourense cando se solicite a axuda, así como ter unha antigüidade no empadroamento, polo menos, dun ano ininterrompido e anterior ao 1 de xaneiro do ano 2017, no caso de nacer no vindeiro ano, mentres que para os nacidos no último trimestre de 2016, deberán ter unha antigüidade no empadroamento de dous anos inmediatamente anteriores á data do nacemento do menor.

Para o financiamento deste programa destínanse 400.000 euros, sendo as axudas de ata 300 euros por neno nacido ou adoptado. Ademais, as persoas que resulten beneficiarias da axuda recibirán a súa tarxeta electrónica \“ChegOU\”, que poderán usar en farmacias e parafarmacias para a adquisición de produtos hixiénicos, alimentarios ou de saúde.

En materia de cooperación con entidades da provincia de Ourense, a Xunta de Goberno aprobou unha axuda para a Capela Madrigalista de Ourense por importe de 1.500 euros para gastos de funcionamento da entidade correspondentes ao ano 2016. Para o Club Deportivo Xadrez Ourense, unha axuda de 1.600 euros para a súa promoción en varios concellos da provincia de Ourense; para o Clúster da Pizarra de Galicia, unha axuda de 25.000 euros destinada ao plan de promoción que desenvolve a nivel internacional para a promoción deste produto en Europa; para a Comunidade de Montes Veciñais en Man Común Serra da Encina de Biobra, no termo municipal de Rubiá, unha axuda de 10.000 euros para o arranxo do centro socio comunitario que precisa actuacións encamiñadas a mellorar a estanqueidade do edificio e labores de mantemento.

Neste mesmo apartado, na xuntanza aprobáronse dúas axudas para o Liceo de Ourense, unha delas por importe de 25.000 euros para os gastos de funcionamento da entidade no ano 2016, e a outra axuda de 6.000 euros destinada á adquisición de vestiarios para compoñentes da coral. Para a Confederación Empresarial de Ourense concedeu unha axuda de 50.000 euros para o desenvolvemento de diversas accións empresariais provinciais e gastos de funcionamento da entidade correspondentes a este ano. Para a Federación Galega de Balonmán, unha axuda de 1.002 euros para a promoción deste deporte, en concreto para a escola deportiva desta disciplina no Concello de Maside. E, para o Pen Club de Galicia, unha axuda de 30.000 euros para a celebración do Congreso Internacional de Escritores.

Por último, na reunión aprobouse a ratificación do convenio de colaboración entre a Universidade de Vigo e Deputación de Ourense para o desenvolvemento de actividades de difusión cultural no Campus de Ourense, polo que o goberno provincial concede unha axuda que ascende aos 185.000 euros para esta finalidade.