37,5 millóns de euros en axudas para a incorporación de mozos ao agro

sementeira-millo-Agropres1
37,5 millóns de euros en axudas para a incorporación de mozos ao agro

Os interesados teñen de prazo un mes, contado a partir de mañá, para presentar as solicitude

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe a orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan as axudas destinadas a plans de mellora nas explotacións agrarias, á creación de empresas por parte de agricultores mozos e ao desenvolvemento de pequenas explotacións, cun orzamento global de 37,5 millóns de euros. Os interesados teñen de prazo un mes, contado a partir de mañá, para presentar as solicitudes.

Estas achegas, que están cofinanciadas co Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader) no marco do PDR de Galicia 2014-2020, teñen como obxectivo garantir a continuidade do tecido agrario, así como incrementar a competitividade das explotacións mediante a súa modernización. Trátase dunha das ordes de axudas máis destacadas da Consellería, tanto polo seu importe como polo número de beneficiarios.

Con ela búscase mellorar a estrutura produtiva das explotacións galegas e avanzar na consecución dunha adecuada dimensión e un correcto equilibrio dos seus factores de produción co obxectivo de mellorar a competitividade. Ao mesmo tempo, procúrase acadar un rexuvenecemento da poboación activa agraria e o fomento do emprego neste sector, con especial consideración cara ás mulleres, co fin último de fixar poboación no rural.

1504457673_big
Recollida de patacas a man na Limia

O reparto do orzamento total de 37,5 millóns de euros farase do seguinte xeito: 20 millóns irán destinados a plans de mellora, 15 millóns investiranse na incorporación de mozos á actividade agraria e 2,5 millóns de euros focalizaranse na creación de empresas para o desenvolvemento de pequenas explotacións. Ademais e como novidade nesta convocatoria de axudas, resérvase un 10% do orzamento para as persoas solicitantes que estean incluídas no desenvolvemento dun proxecto de aldea modelo ou polígono agroforestal.

Actividades subvencionables

No que se refire ás achegas para a incorporación de mozos ao agro, poderán beneficiarse delas persoas con máis de 18 anos que non teñan cumpridos os 41 na data de presentación da solicitude. Deben comprometerse, ademais, a manter a actividade durante un mínimo de cinco anos. Subvencionaráselles a execución do plan empresarial cunha contía básica establecida en 25.000 euros, que poderá incrementarse en determinados casos dependendo, por exemplo, do volume de gasto dedicado á posta en marcha da nova explotación, da creación de emprego adicional a tempo completo ou do feito de instalarse nunha zona con limitacións naturais ou doutro tipo.