42 novos pozos de sondaxe de auga na Limia

Acto de asinamento do acordo de regantes e a Xunta
42 novos pozos de sondaxe de auga na Limia

A Xunta asina un convenio con catro comunidades de regantes da Limia para a construción de 42 novos pozos de sondaxe de auga por case 4 m€

A sinatura fíxose efectiva entre a Consellería do Medio Rural e as comunidades de regantes de San Salvador de Sabucedo, Lamas Ganade, Corno do Monte e Alta Limia.

O conselleiro do Medio Rural, José González, asinou este mediodía un convenio de colaboración coas comunidades de regantes de San Salvador de Sabucedo, Lamas Ganade, Corno do Monte e Alta Limia para a construción de 42 novos pozos de sondaxe de auga na comarca limiá, por un importe de case 4 millóns de euros. Estes proxectos enmárcanse no Plan estratéxico do sector agrario da comarca da Limia -impulsado pola Xunta- co que se pretende lograr un mellor e máis efectivo aproveitamento dos recursos nesta bisbarra ourensá.

Desta forma, os proxectos de regadío que se levarán a cabo no marco deste convenio entre Xunta e comunidades de regantes comprenden as obras necesarias para a construción e a captación de augas subterráneas desde pozos de sondaxe, para que os agricultores dispoñan dunha toma de auga próxima aos seus cultivos con caudal mínimo necesario que facilitará os labores de rega e favorecerá un uso máis eficiente da auga. En total serán 42 novos pozos a razón de 6 para a comunidade de San Salvador de Sabucedo, 13 para a de Lamas Ganade, outros 13 para a de Corno do Monte e 10 para a de Alta Limia.

Trátase de actuacións necesarias para a sinatura do convenio entre o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación, SEIASA e ditas comunidades de regantes para levar a cabo o “proxecto de mellora para o aproveitamento en regadío das 42 captacións de augas subterráneas - A Limia 2022”, que conta cun orzamento total de 15,9 millóns de euros (o 80% deste orzamento financiado polo Goberno central e o 20% restante polas comunidades de regantes).

Neste contexto de mellora dos regadíos da Limia cómpre tamén destacar todo o conseguido ata o de agora, tras intensas negociacións da Xunta co Goberno central. Así, grazas á colaboración institucional liderada polo Goberno galego, vaise investir un total de 32,5 millóns de euros na potenciación do sector agrario da Limia. Nesta liña, cómpre destacar os 12 millóns de euros que se destinarán á limpeza das canles e dos camiños paralelos a elas, co fin de mellorar a xestión dos subprodutos gandeiros e das augas para evitar e reducir a afectación ambiental das prácticas agrogandeiras actuais nesta bisbarra ourensá. Tamén salientar os 15,9 millóns de euros do proxecto de mellora da eficiencia e da sustentabilidade dos regadíos da Limia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia promovido polo Executivo do Estado para facer fronte aos efectos da COVID-19 coa axuda dos fondos europeos Next Generation.

Así mesmo, cómpre destacar tamén o Plan extraordinario de reparación de camiños desta comarca, dotado para este ano dun orzamento de 600.000 euros de fondos propios da Xunta. A través deste programa, prevense reparar diversos camiños repartidos en 12 concellos, que son utilizados polos agricultores e gandeiros locais. Así, comezouse a traballar xa nos camiños -ou tramos destes- que son prioritarios e as actuacións que non se poidan executar no 2021 serán obxecto dunha planificación posterior dentro deste plan extraordinario.

Plan estratéxico

Acto de asinamento do acordo coa XuntaO Plan estratéxico do sector agrario da comarca da Limia, promovido pola Xunta, está xa moi avanzado. Coa súa implantación preténdese reducir a concentración de nutrientes nas augas, xerar emprego e fixar poboación no rural, combatendo así o cambio climático á par que Europa.

Tamén se constituíu a comisión interdepartamental, conformada por representantes do Goberno central e da Xunta. Así, a través desta comisión, preténdese acadar un consenso sobre os cambios lexislativos necesarios para contribuír á mellora da xestión das dexeccións gandeiras e do regadío nesta comarca, con medidas concretas que se poidan incluír no Plan estratéxico cun compromiso de execución a curto, medio e longo prazo.

Ademais, a Xunta está a levar a cabo outras medidas xenéricas que velan polo desenvolvemento sostible do sector primario na Limia, tales como o desenvolvemento da nova Lei de recuperación da terra agraria de Galicia ou o Plan de pastos, que van permitir o aumento da base territorial das explotacións. E, por último, a Xunta -para optar aos fondos europeos Next Generation- presentou ás manifestacións de interese lanzadas polo Goberno un proxecto tractor para a posta en marcha do Centro para o impulso da economía circular, que contará cun sistema de xestión integral dos xurros excedentarios, entre outros.