450.000 € para coidar e atender os animais domésticos abandonados

450.000 € para coidar e atender os animais domésticos abandonados
Os concellos e as asociacións protectoras de animais rexistradas na Comunidade teñen á súa disposición 450.000 euros para atender e coidar os animais domésticos abandonados

A Xunta de Galicia convocou a finais de decembro dúas ordes de axudas dirixidas a apoiar a ambos tipos de entidades cos gastos diarios que asumen co obxectivo de garantir o benestar dos animais domésticos abandonados que teñen ao seu cargo.

O orzamento global asignado a ambas liñas ascende a 450.000 euros, a maior contía destinada a este fin desde a posta en marcha do programa no ano 2017. Unha delas, dotada con 230.000 euros, vai dirixida aos concellos, como administracións responsables da recollida e acollemento dos animais abandonados nos seus municipios; e a segunda, cun orzamento de 220.000 euros, está destinada a entidades inscritas no Rexistro galego de asociacións para a protección e defensa dos animais de compañía.

No caso das axudas dirixidas aos concellos, entre os gastos subvencionables inclúense aqueles relacionados coa esterilización cirúrxica, a identificación mediante microchip e a inscrición no Rexistro galego de identificación de animais de compañía (Regiac), a compra de alimento e a vacinación preventiva e desparasitación, entre outras medidas profilácticas, dos animais de compañía ao seu cargo.

En canto ás subvencións para apoiar ás protectoras, poderán solicitar tamén, a maiores, axudas para a compra de material non funxible co fin de dotar aos centros que xestionan dos medios necesarios para o desenvolvemento do seu labor, entre os que se incluirá, como novidade, a adquisición de remolques para facilitar o transporte dos animais, software específico e dispositivos electrónicos para mellorar a xestión do centro ou equipamento veterinario.

Así mesmo, todas as entidades protectoras debidamente rexistradas na Comunidade tamén poden acollerse á orde de axudas para a realización de campañas de concienciación, promoción da tenza responsable e fomento das adopcións, aínda que non xestionen nin sexan titulares a día de hoxe dunha instalación dedicada a este fin.

Por último, tanto os concellos como as asociacións poderán pedir que se lles subvencionen os gastos antes referidos sempre que os realizaran entre o 1 de setembro de 2021 e o 31 de agosto deste ano. O prazo de presentación das solicitudes abriuse o pasado 23 de decembro e rematará o vindeiro 16 de setembro.