525 prazas de estadías lingüísticas no estranxeiro dirixidas a alumnado de Bacharelato

525 prazas de estadías lingüísticas no estranxeiro dirixidas a alumnado de Bacharelato
A Consellería de Educación sufraga entre o 87 e o 50% do custo destas estancias

A Xunta de Galicia vén de convocar un total de 525 prazas para alumnado de Bacharelato e outras 285 prazas para profesorado dirixidas a realizar estadías lingüísticas no estranxeiro co fin de mellorar as súas competencias noutros idiomas.

O Goberno galego retoma así dúas importantes accións que se desenvolven ao abeiro da Estratexia de Educación en Linguas Estranxeiras, Edulingüe 2030, que nos últimos dous anos se viron interrompidas por mor da pandemia.
No caso das estadías lingüísticas para estudantes de Bacharelato -cuxa convocatoria se pode consultar no Diario Oficial de Galicia- a Consellería de Cultura, Educación e Universidade sufragará entre o 87% e o 50% do custe das estancias dos estudantes para a mellora das súas competencias nos idiomas inglés, francés e portugués.
O prazo para tramitar as solicitudes permanecerá aberto ata o 28 de febreiro, e poderán formalizarse a través da sede electrónica da Xunta, ou no Portal Educativo. http://www.edu.xunta.es/axudasle .
Trátase de estadías de tres semanas en réxime residencial ou familiar en Reino Unido, Francia, Portugal e Canadá no período estival. No caso do alumnado de 1º de Bacharelato, ofértase tamén a estadía de integración nun centro educativo canadense ao inicio do curso 2022-23, cunha duración de catro semanas.

Requisitos e baremación


Para obter as bolsas os candidatos terán que estar cursando, no réxime xeral, 1º ou 2º de Bacharelato, en centros de Galicia sostidos con fondos públicos, durante o curso 2021-2022; ter unha nota mínima na área ou materia de lingua estranxeira que se vai perfeccionar na estadía de Ben ou 6 no curso 2020-2021, así como ter superadas todas as materias nese mesmo ano académico. No caso do alumnado de 1º curso de Bacharelato, ademais das condicións xa citadas, o alumnado debe estar matriculado, no presente curso 2021-2022, nun centro da Rede de Centros Plurilingües.

Os criterios para o baremo, puntuación e determinación das achegas familiares serán a nota media do expediente académico no curso 2020-2021 e a renda per cápita da unidade familiar. Ademais, terase en conta o feito de pertencer a unha familia numerosa, contar cun membro cunha discapacidade igual ou superior ao 33% ou pensionista de grande invalidez. Igualmente valorarase o feito de non ter sido beneficiario dunha axuda destas características na convocatoria do ano pasado.