martes 19/10/21

600.000 € para arranxar camiños na Limia

Este foi o anuncio feito polo Conselleiro de Medio Rural as alcaldes da comarca
Alcaldes da Limia co conselleiroda medio rural
Alcaldes da Limia co conselleiroda medio rural

Este plan extraordinario completa o conseguido ata o de agora grazas á colaboración institucional liderada pola Xunta para esta comarca, onde se van investir un total de 32,5 millóns de euros na potenciación do sector agrario

O conselleiro do Medio Rural, José González, acompañado da directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, e polo delegado territorial da Xunta, Gabriel Alén, mantivo hoxe un encontro cos alcaldes da comarca da Limia para trasladarlles que este ano porase en marcha o Plan extraordinario de reparación de camiños desta bisbarra, cun orzamento inicial para este ano de 600.000 euros, enmarcado no Plan estratéxico do sector agrario da Limia.
Alcaldes da Limia co conselleiroda medio rural 2Así, José González anuncioulles que se prevé reparar a rede viaria desta comarca, que conta cun total de 4.718 quilómetros repartidos en 12 concellos, que son utilizados polos agricultores e gandeiros locais. Neste senso, a Consellería solicitoulle previamente aos rexedores a localización dos camiños -ou tramos destes- que sexan prioritarios para arranxar este ano, xa que as actuacións que non se poidan executar no 2021 serán obxecto dunha planificación posterior dentro dese plan extraordinario. Así, o titular de Medio Rural sinalou que os traballos consistirán na limpeza de cunetas e da vexetación presente no camiño, na rehabilitación de obras de fábrica xa existentes e no barrido e bacheo das zonas que o precisen. Ademais, sinalou que na execución destas actuacións tamén colaborará a Deputación de Ourense coa cesión de maquinaria pesada.
Desta forma, destacou José González, este plan extraordinario completa así o conseguido ata o de agora para esta comarca, tras intensas negociacións co Goberno central. Así, sinalou o conselleiro, grazas a esta colaboración institucional liderada pola Xunta, vanse a investir un total de 32,5 millóns de euros na potenciación do sector agrario da Limia.
Nesta liña, cabe destacar os 12 millóns de euros que se destinarán á limpeza das canles e dos camiños paralelos ás mesmas, co fin de mellorar a xestión dos subprodutos gandeiros e das augas para evitar e reducir a afectación medioambiental das prácticas agrogandeiras actuais nesta bisbarra ourensá. Doutra banda, outros 15,9 millóns de euros serán para abordar un proxecto de mellora da eficiencia e da sustentabilidade dos regadíos da Limia, no marco do Plan de recuperación, transformación e resiliencia promovido polo executivo do Estado para facer fronte aos efectos da covid-19 coa axuda dos fondos europeos Next Generation. Unha cantidade da que o Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación achegará un 80% (en total, 12,7 millóns), mentres a comunidade de regantes aportará o 20% restante.
Ademais, a Consellería aportará outros catro millóns de euros para completar a rede de pozos do regadío da zona. De feito, o conselleiro anunciou que xa se encargou o inicio dos traballos de preparación deses 42 novos pozos comprometidos coas catro comunidades de regantes beneficiadas.