600.000 € para arranxo de camiños na Limia

Pista de concetración
600.000 € para arranxo de camiños na Limia

Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía.

Priorizáronse aqueles camiños localizados en concentracións parcelarias, os que dan acceso a un maior número de parcelas agrícolas ou explotacións agrarias e aqueles que teñan unha maior intensidade media diaria de vehículos agrícolas.

O Consello da Xunta autorizou hoxe a sinatura dun convenio de cooperación entre a Consellería do Medio Rural e 12 concellos da comarca da Limia para levar a cabo as actuacións enmarcadas no Plan extraordinario de reparación de camiños, dotado con 600.000 euros. A través deste programa repararanse camiños empregados, fundamentalmente, polos agricultores e gandeiros locais desta bisbarra ourensá.

Así, tras un estudo pormenorizado por parte dos técnicos da Consellería do estado desta rede viaria, comprobouse que as propostas de camiños que se deben mellorar enviadas polos distintos concellos cumprían cos criterios de selección e, agora, a Consellería do Medio Rural asinará un convenio con cada un destes municipios para poder executar as obras. Os concellos beneficiarios desta colaboración son os de Baltar, Os Blancos, Calvos de Randín, A Porqueira, Rairiz de Veiga, Sandiás, Sarreaus, Trasmiras, Vilar de Barrio, Vilar de Santos, Xinzo de Limia e Xunqueira de Ambía.

Os camiños seleccionáronse en función dunha serie de criterios previamente marcados, que pasan por priorizar aqueles viarios localizados en concentracións parcelarias, aqueles que dan acceso a un maior número de parcelas agrícolas ou explotacións agrarias e, en terceiro lugar, aqueles que teñan unha maior intensidade media diaria de vehículos agrícolas ou con tramos cunha lonxitude mínima de 100 m que se atopen en peores condicións. En calquera caso, todos os camiños seleccionados son de titularidade municipal.

As obras de acondicionamento que se levarán a cabo consistirán en limpar as gabias e a vexetación presente no camiño, en rehabilitar obras de fábrica xa existentes e en varrer e tapar as zonas que o precisen.

Ademais, este convenio forma parte do Plan extraordinario de mellora de infraestruturas da comarca da Limia, dentro do cal tamén participará a Deputación de Ourense colaborando cos concellos poñendo á súa disposición maquinaria para o arranxo doutros camiños.