645.000 euros para cooperar con concellos, entidades e promover iniciativas de autoemprego no rural

Videoconferencia da xunta de goberno do 9 de maio(1)
645.000 euros para cooperar con concellos, entidades e promover iniciativas de autoemprego no rural
44.000 € para concellos da Limia

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, en sesión telemática baixo a presidencia de Manuel Baltar, concedeu hoxe máis de 650.000 euros en subvencións para cooperación con concellos e entidades, así como tamén para iniciativas de autoemprego no rural. Unha sesión que, ao seu remate, Manuel Baltar enmarcou na experiencia do goberno provincial no traballo en rede e na colaboración institucional, xusto na xornada na que se celebra o Día de Europa, “onde a Deputación ten un protagonismo especial coa presidencia e representación en varias organizacións, como a presidencia da Asociación Europea de Gobernos Provinciais Intermedios (Partenalia), a vicepresidencia da Confederación Europea de Poderes Locais Intermedios, CEPLI, -1.167 provincias con único representante español- ou a presidencia da Asociación de Cidades Históricas Termais de Europa (EHTTA)”, cargo que Manuel Baltar revalidou a pasada semana para o periodo 2022-2026.

Polo que respecta ao contido da Xunta de Goberno e no ámbito da cooperación cos concellos, concedéronse preto de 45.000 euros para a mellora da estrada de Teixido no Bolo e máis de 14.000 euros para humanización de rúas en San Lorenzo en Porqueira. Para Punxín dúas achegas de 48.000 euros cada unha delas para melloras no centro de saúde e o sendeiro escolar da Casteiñeira. Aprobouse, tamén, máis de 27.000 euros para cofinanciar o programa IDADE destinado a eficiencia enerxética no concello de Rairiz de Veiga e 125.000 euros para obras de urbanización na Rúa.