820.000 € para a mellora da estrada de Xinzo-Celanova-Cortegada

mapa
820.000 € para a mellora da estrada de Xinzo-Celanova-Cortegada

A XUNTA ADXUDICA POR MÁIS DE 820.000 EUROS A MELLORA DO FIRME NA TOTALIDADE DA ESTRADA AUTONÓMICA OU-531, DESDE XINZO DE LIMIA ATA CORTEGADA

Os traballos comezarán no mes de agosto, co obxectivo de telos rematados neste mesmo ano

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por máis de 820.000 euros a mellora do firme na totalidade da estrada OU-531, desde Xinzo de Limia ata Cortegada.

A intervención de reforzo da seguridade viaria, adxudicada á empresa Construcciones Rafer S.L., prevé o seu comezo no mes de agosto, co obxectivo de tela rematada neste mesmo ano.

Trátase de rehabilitar a capa de rodadura en toda a lonxitude da estrada, ao seu paso polos concellos de Xinzo de Limia, Sandiás, Vilar de Santos, Rairiz de Veiga, A Bola, Celanova, Ramirás, Gomesende e Cortegada.

Para rehabilitar o firme nesta vía autonómica levaranse a cabo traballos de fresado e o posterior estendido de mestura bituminosa en quente.

Tamén se realizará a limpeza de cunetas e salvacunetas, o reperfilado de noiros e a execución de cunetas de seguridade revestidas.

Ademais, repoñeranse as marcas viarias afectadas polos traballos de reparación do firme e melloraranse os pasos de peóns mediante marcas viarias e balizas retrorreflectantes.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa traballando na mellora e conservación da rede viaria autonómica coa fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas máis seguras, cómodas e eficientes.