A Xunta de Galicia convoca axudas para o adianto da PAC

A Xunta de Galicia convoca axudas para o adianto da PAC

As subvencións permitirán adiantar aos agricultores e gandeiros galegos uns 200 millóns de euros das achegas da Política Agrícola Común, financiando os xuros cun custo para a Administración autonómica de 3,4 millóns de euros.

Foi publicado no Diario Oficial de Galicia unha orde da Consellería do Medio Rural pola que se convocan unhas axudas que permitirán adiantar aos agricultores e gandeiros galegos uns 200 millóns de euros das achegas da Política Agraria Común (PAC), subvencionando os xuros cun custo para a Xunta de 3,4 millóns.

A Xunta asinou un convenio en colaboración con diversas entidades financeiras para formalizar os préstamos preferentes para o anticipo da PAC. O acordo permite abrir unha liña de empréstitos de interese a tipo cero a favor dos agricultores e gandeiros solicitantes. Nestes préstamos regúlase unha comisión inicial de apertura do 2% do seu importe, que subvencionará a Consellería do Medio Rural, con cargo aos seus orzamentos.

Poderán beneficiarse destas axudas os solicitantes que cumpran os requisitos establecidos. Un deles é o de ter subscrito un préstamo do anticipo da PAC 2022 con algunha das entidades financeiras asinantes do convenio coa Xunta. As solicitudes do adianto poden facerse nas propias entidades financeiras que figuran no anexo IV da orde.

A campaña da PAC de 2022 en Galicia ten un orzamento total de arredor 210 millóns de euros, dos cales 170 millóns correspóndense cos pagamentos directos e 40 millóns de euros coas medidas de desenvolvemento rural (axudas a zonas con limitación naturais, agroambiente e clima, agricultura ecolóxica e para o mantemento de plantacións forestais en terras non agrícolas), cun aumento de cinco millóns de euros nestas últimas con respecto á anterior convocatoria.

Prevése que uns 25.000 agricultores e gandeiros van poder beneficiarse destas achegas, que xestiona o Fondo Galego de Garantía Agraria (Fogga) e que son de gran interese para o sector primario. Grazas a estas axudas conséguense reducir as diferenzas entre a renda agraria e a urbana, á vez que se potencia os agricultores realmente activos e prácticas agrícolas beneficiosas para o clima e o medio ambiente.