A academia Cero de Xinzo incorpora o programa educativo baseado no cálculo con ábaco

cero 0
A academia Cero de Xinzo incorpora o programa educativo baseado no cálculo con ábaco

Con este método poténciase o uso dos dous hemisferios do cerebro e o aumento da capacidade intelectual

O programa coñecido co nome de "ALOHA", provén de Malaisia e ten máis de dúas décadas de vida. Trátase dun sistema que favorece o uso dos dous hemisferios do cerebro mediante o cálculo con ábaco. Segundo os científicos, tendemos a usar principalmente a parte esquerda do cerebro na nosa vida diaria. Deste xeito auméntase a capacidade intelectual ó fomentar o uso das dúas partes.

Agora este sistema chega á academia Cero co obxectivo de adestrar as neuronas dos máis cativos potenciando a súa intelixencia a través de 3 ferramentas. Estas son, o uso do ábaco, a aritmética mental e xogos didácticos. Numerosos estudos demostran como nenos de 4 anos poden realizar operacións matemáticas complexas a través deste tipo de aprendizaxe.

Nun afán de coidar do seus alumnos e alumnas e de buscar novos cursos de interese, José Manuel incorpora este método na súa academia.

No ano 1993 el e a súa muller mercaron o centro privado e invertiron nel todos os seus esforzos para dar o un servizo educativo de calidade. Ese traballo consolidouse e mesmo deron un paso máis para mellorar o seu centro de traballo.

cero 1

Así foi como naceron as novas instalacións que se atopan na Rúa do Cruceiro de Xinzo de Limia. Un total de 360 metros cadrados que foron inaugurados no ano 2010. No seu interior alberga catro aulas con capacidade para 15 persoas, unha aula de informática con 20 ordenadores e unha sala de usos múltiples que mesmo contén unha cociña.

Neste espazo dáse apoio escolar a quen o precise e prepáranse oposicións. Ademáis o centro homologado oferta cursos como de informática, técnico de ventas, atención sociosanitaria ou mesmo xestión e dirección de microempresas.

Non faltan no seu interior as clases de idiomas impartidas por profesores nativos, como no caso do inglés. Outro dos cursos habituais que acolle a academia é o de manipulador de alimentos.

Así as cousas, nos últimos anos a Cero está abrindo o seu espazo a outro tipo de actividades como contacontos para os máis pequenos. Nestes días están organizando un curso de cociña dirixido ós nenos e nenas e que sairá adiante nunhas semanas.

cero 2

Un dos últimos cursos que ven de incorporar a academia é o de capacitación para atención sociosanitaria tanto en domicilios como en institucións sociais. As clases son impartidas por un enfermeiro ou enfermeira que garantiza unha formación de calidade. Segundo mantén José Manuel o 80% do alumando consegue traballo unha vez rematada a súa formación na Cero.

Con gañas de avanzar e chegar cada día a máis xente, así se plantexa a academia Cero este novo reto de sobrevivir en tempos de crise e con aumento da competencia, no que ó apoio educativo se refire.