Acordo unánime na Deputación

Pleno Deputación Procincial Ourense 27.05.22
Acordo unánime na Deputación

A Deputación adhírese ao programa VIOPET para a acollida de animais de compañía de mulleres vítimas de violencia machista

A iniciativa tamén implica dispoñer dunha reserva de prazas de urxencia na rede provincial de Centros de Acollida de animais abandonados, ademais de promover entre os concellos a adhesión ao proxecto.

A Deputación asume a inclusión nos seus plans formativos de accións de concienciación para o persoal público nos sectores relacionados coa atención a vítimas de violencia de xénero, así como tamén o custo da estancia dos animais nos centros de recollida, de urxencias veterinarias e da entrega ou envío da mascota á nova residencia das vítimas, incluso no estranxeiro. Procurarase ademais a colaboración das protectoras de animais que cooperan coa rede provincial para buscar casas de acollida temporal.

Este asunto foi debatido conxuntamente con outros dous puntos da sesión, tamén relacionados coa recollida de animais abandonados nos centros de Xinzo de Limia, O Carballiño, Muíños e A Rúa. O primeiro deles foi unha modificación da ordenanza fiscal do servizo onde se estableceu unha bonificación do 100 % nas taxas de adopción para as asociacións que colaboran coa Deputación: Agallas, no centro de Xinzo de Limia e Arume no Carballiño. O resto de asociacións que non teñan subscrito o convenio marco coa institución provincial terán unha bonificación do 50 %. Estas reducións só se aplicarán cando sexa a propia asociación a que adopte o animal. O segundo dos asuntos relacionados con este servizo refírese a cambios no regulamento para a súa adaptación á linguaxe inclusiva e ás directrices europeas en materia de protección de animais.