Actuación do Trío Vaamonde, Lamas e Romero o sábado 6 de xuño en Sandiás

11159480_10153173511150470_1907748441531341960_n
Actuación do Trío Vaamonde, Lamas e Romero o sábado 6 de xuño en Sandiás

Estes tres músicos son imprescindibles da música actual galega

O día 6 de xuño ás 20.30 no campo de San Nicolás, en Sandiás, terá lugar a actuación do Trio Vaamonde, Lamas e Romero dentro da programación de Cultura no Camiño.

Xesús Vaamonde, Pedro Lamas e Xosé Lois Romero son tres músicos sen os que a música galega actual non se podería entender. As súas traxectorias individuais abranguen dende a música de raíz ata o folk, a fusión ou o jazz, pasando pola docencia, a composición e dirección musical ou a publicación de partituras, e sempre cun amplo recoñecemento público.

Os seus nomes son sinónimo de música tradicional, de sobriedade compositiva e de exquisito gusto polos arranxos, e están ligados a algúns dos mellores momentos e artistas da música galega recente (Nova Galega de Danza, Fuxan os Ventos, Mercedes Peón, Xabier Díaz, Susana Seivane, Uxía, aCadaCanto, Luvas Verdes, Quique Peón Cía, Faltriqueira, Guadi Galego, Galeoke, Leilía,...), cos que teñen actuado en varios continentes, dende Xordania a Nova Iorque, pasando por Zimbabwe ou Bos Aires.

En 2006 deciden unir talentos para amosar a súa particular visión da música popular. Unha proposta minimalista pero divertida, que tras unha aparente sofisticación agocha unha divertida posta en escena que combina a partes iguais música e retranca, xogando cos prexuízos e rachando cos tópicos, co único obxectivo de pasalo ben, eles e o público. Un novo estilo musical que eles bautizaron como \“tradicomedia\”.

En 2008, publican \“Vellas artes\”, e en 2011 editan o CD-DVD \“O tambor de prata\”, no que se inclúe o concerto en directo acompañados pola Banda Municipal da Coruña, con arranxos feitos para a ocasión por Roberto Somoza.