ADEGAL reuniuse coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil

ADEGAL reuniuse coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil
Na responsabilidade da calidade das augas, deben sumar esforzos todas as partes implicadas

Na mañá de onte ,membros de Adegal, con representación do sector agrícola, gandeiro e empresarial da comarca da Limia, desprazouse a Ourense para manter unha reunión coa Confederación Hidrográfica Miño-Sil, con participación do Presidente, o Comisario de Augas e varios técnicos do Organismo de Conca.

Adegal manifestou as dificultades que as explotacións atravesan día a día, acometendo fortes inversións, e sendo conscientes de que a mellor defensa do noso medio ambiente é a que de forma sostible fan os agricultores e gandeiros, xerando riqueza e creando un futuro para as seguintes xeracións. Por tanto, solicitouse a coordinación entre as distintas Administracións, coa colaboración do sector produtivo, perfectamente organizado, e que así o leva demostrando ó longo destes últimos anos, participando en accións formativas e en cumprimento da normativa vixente, con explotacións cada vez máis sostibles.

Na responsabilidade da calidade das augas, deben sumar esforzos todas as partes implicadas, dando cumprimento tamén por parte das Administracións á correcta depuración das augas residuais e tamén á limpeza dos ríos e canles, así como a axilización das autorizacións dos propietarios interesados en acometer con medios propios ditas melloras.

Fundamental tamén é a consecución das infraestruturas de regadío, que revertirán na mellora medioambiental da comarca, con implantación de novos cultivos, aumentando a eficiencia dos recursos e diversificando a economía das explotacións.

Trátase de aunar esforzos na mesma dirección e en perfecta simbiose, garantíndose a viabilidade de numerosas explotacións agrícolas e gandeiras que son o motor fundamental da comarca e un referente en manexo e produción en Galicia.