Alegría, choros e nervios foi a mestura de sentimentos que se viviu na volta á escola

escolares
Alegría, choros e nervios foi a mestura de sentimentos que se viviu na volta á escola

Esta mañá comezaron as clases en Educación Primaria, Educación Especial e 2º ciclo de Educación Infantil

As portas das escolas da Limia abriron ás 9,30 da mañá para recibir ó alumnado de Educación Primaria.Todos equipados coas súas mochilas reencontráronse cos seus amigos e amigas. Os máis cativos de 3 anos aproveitaron para durmir un anaco máis e entraron a media mañá para estrearse no mundo escolar. Foi entón cando se observaron os choros e as caras de sorpresa por ver a nova vida que lles agarda.

Este curso escolar comeza en setembro e rematará o 22 xuño de 2016. As vacacións de Nadal van ter lugar do 21 de decembro ó 6 de xaneiro. Os días de entroido serán o 8,9 e 10 de febreiro de 2016. A Semana Santa cae do 21 ó 28 de marzo de 2016.

En canto ás asignaturas, as linguas e as matemáticas ocuparán o 60% das horas de clase en Educación Primaria. De feito os números gañan peso en 5º e 6º de Primaria que terán unha hora máis á semana desta materia. Con todo as escolas deberán gardar dúas horas semanais para reforzar aquelas asignaturas que o equipo directivo considere, segundo a evolución e os resultados do alumnado.

Será o ano da reválida de sexto, unha proba de avaliación que vai ser de carácter orientativo para informar ós pais, nais ou titores de como evoluciona a aprendizaxe do escolar, así o recalcan dende a dirección do Colexio de Educación Infantil e Primaria Carlos Casares de Xinzo de Limia.

Outra novidade para este curso é o banco de libros oficiais da Xunta de Galicia que se implantou con certa polémica. Onte mesmo o Conselleiro de Educación, Román Rodríguez, saiu na defensa deste novidoso sistema de axudas, dixo, ás familias con rentas baixas.

Con novidades e a media semana énchense as clases das escolas da Limia para comezar o curso. Os alumnos de secundaria vanse incorporar o vindeiro martes 15 de setembro.