Amplíanse os aforos en todos os sectores

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, acompañado polo secretario xeral técnico, Alberto Fuentes Losada, e o xerente do Sergas, José Flores Arias, informa en rolda de prensa dos acordos adoptados na reunión do comité clínico.
Amplíanse os aforos en todos os sectores
As terrazas de hostalaría con dúas cunchas ao 100%

Galicia e Asturias son as únicas comunidades autónomas cuxas incidencias acumuladas acadan a fase de nova normalidade

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, informou esta mañá da decisión do comité clínico de ampliar, en liñas xerais, os aforos do 75 ao 90% no locais de diferentes eidos sociais, agás no caso do lecer nocturno.

O anuncio prodúcese logo de que comunidade galega se situase, xunto con Asturias, nunha das comunidades autónomas cuxa incidencia acumulada xa se empraza nunha situación de risco epidemiolóxico controlado, ou tamén denominada fase de nova normalidade. Así, Galicia rexistra unha incidencia acumulada a 7 días de 8,6 casos por cada 100.000 habitantes, e de 22,9 casos, no seu cómputo a 14 días. Ademais, 249 dos 313 concellos galegos (80%), non notificaron novos casos covid nos últimos 7 días.
Ante a nova situación epidemiolóxica, o comité clínico decidiu avanzar nun novo sistema de vixilancia da pandemia, onde se retomará o modelo de retrorastrexo de casos, se incidirá no control da trazabilidade dos gromos e na secuenciación de posibles variantes do virus, e se implementará un seguimento da efectividade vacinal.

Nesta mesma liña, o grupo de expertos que asesora á Xunta de Galicia na xestión da pandemia acordou tamén ampliar os aforos en diversas actividades sociais, culturais e económicas.

Como regra xeral, e agás no caso do sector de lecer nocturno, os aforos actualmente situados no 75% veránse ampliados até o 90% de capacidade máxima. Este será o caso dos interiores dos comercios, academias, lugares de culto, instalacións deportivas e actividades culturais. Nestes ámbitos tamén se eliminará o número máximo de persoas que poden realizar actividades en grupo.

No caso dos espectáculos musicais e artísticos con público sentado -tanto en recintos interiores como ao aire libre- poderán ampliar a capacidade de público do 75 ao 90% de aforo. No caso de desenvolverse estas actividades con público de pé, establécese un máximo do 50% para o interior, e amplíase do 33 ao 66% se teñen lugar ao aire libre . Neste último caso, e sempre e cando se cumpran os aforos, suprímese a limitación máxima de 5.000 persoas que estaba establecida até o de agora.

No caso da hostalería, amplíase o número máximo do grupo de persoas en interior que pasa de 8 a 10 persoas, e de 15 a 20 nas terrazas. Os aforos dos locais de hostalería, en nivel dunha cunchiña, quedan fixados no 75% interior e increméntase ao 90% no exterior. No caso dos locais encadrados no nivel de dúas cunchiñas amplíase ao 90% no interior e permanece o 100% nas terrazas.

No que atinxe ao transporte público, do 100% de usuarios sentados que xa estaba implantado, increméntase agora o aforo de persoas de pé até o 75%. Nos caso dos albergues e hoteis a súa capacidade aumenta até o 75%; e no que atinxe aos velorios tamén se verá ampliada a súa capacidade máxima actual, ao pasar dun máximo de 10 persoas a 20.

Todas estas medidas entrarán en vigor ás 00:00 horas do vindeiro sábado 9 de outubro.