Antonio Pérez: "A oposición está facendo unha política de populismo e de alterar a rúa"

OJ12C2F1_1
Antonio Pérez: "A oposición está facendo unha política de populismo e de alterar a rúa"

O rexedor limián acusou a Elvira Lama (PSdeG) de mentir cando afirmou diante dos veciños de Parada de Ribeira que descoñecía o proxecto da planta asfáltica.

A oposición reuniuse cos veciños de Parada de Ribeira o domingo pasado para se opoñer á concesión de licenza da planta asfáltica que xa fora paralizada no pasado ano 2014. Segundo o rexedor limián, Antonio Pérez, nesa reunión a oposición "falaba de prexuízos e de mil historias".

O alcalde afirma que Elvira Lama estivo revisando toda a documentación do proxecto catro días antes de lle dicir aos veciños que non a coñecía.

"O resumen para min sería que agora mesmo a oposición, especialmente o PSdeG está facendo a mesma política que Pablo Iglesias en España, é dicir, unha política de populismo e de alterar a rúa", comentou o rexedor limián.

Así mesmo comentou que a súa belixerancia é debida a que "a voceira socialista díxolle aos veciños que descoñecía o proxecto, pero o certo é que Dona Elvira estivo catro días antes no concello cos técnicos e co letrado do concello vendo o proxecto na súa totalidade". Segundo o alcalde "marchou de aquí dicindo que era o que había e o domingo apareceu alí dicindo, entre outras lindeces, que xa non é o alcalde o que fala".

Reiterou o calificativo de "populistas" para os membros da oposición e afirmou que todos eles teñen acceso a toda a documentación e informes relativos ao proxecto.