Aprobadas as bases de axudas a entidades sen ánimo de lucro e a concellos

0 Fachada Deputacin OU
Aprobadas as bases de axudas a entidades sen ánimo de lucro e a concellos

Para actividades culturais e recreativas

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou as bases de dúas convocatorias de concesión de axudas para a organización de actividades culturais e recreativas, unha delas dirixida a entidades sen ánimo de lucro e a segunda para concellos. En ambos os casos subvencionaranse aquelas actividades que teñan como fin o estudo, difusión, exaltación ou posta en valor do patrimonio cultural material e inmaterial, incluíndo neste último punto as festas e celebracións cun marcado carácter tradicional ou senlleiro.

Tamén entran nesta convocatoria as accións de fomento das diversas manifestacións culturais ourensás, a edición e publicación de libros e obras audiovisuais, así como as actividades lúdicas e de lecer públicas e gratuítas para a poboación en xeral ou para colectivos precisados de especial atención. En ambas convocatorias só se poderán presentar ata un máximo de dous proxectos singulares por solicitante.

As axudas para entidades sen ánimo de lucro contan un orzamento de 100.000 euros e as achegas acadarán como máximo o 50 % do custo total de cada proxecto. Para a convocatoria dirixida aos concellos o orzamento é de 75.000 euros, cunha axuda máxima do 50 % do custo total da actividade nos municipios de máis de 5.000 habitantes e ata o 70 % nos de menor poboación. O prazo de presentación de solicitudes iniciarase coa publicación dos dous concursos na Base de Datos Nacional de Subvencións e rematará o 30 de xuño.