ARRANCAN OS CAFÉS DO BNG

Presentación, cafés do bng
ARRANCAN OS CAFÉS DO BNG

A iniciativa toma o relevo dos exitosos Vermús do BNG

Camilo Vila vén de presentar a última acción da asemblea local do bloque, os Cafés do BNG. Logo dun verán e outono no que o equipo de Vila percorreron unha por unha as aldeas do concello aparece esta actividade que se desenvolverá ó longo dos próximos meses en diferentes localizacións dentro da vila de Xinzo.

Serán coloquios sobre temas de importancia para a veciñanza que estarán liderados por algunha persoa especialista na materia.

Comezan este venres 25 no Café Rudi. O tema a traballar será “As violencias machistas, Tipos de violencia, como identificalas e como eliminalas” e terán unha directora de luxo, Raquel López Fernández, especialista en Igualdade no eido da educación cunha traxectoria amplamente recoñecida no eido dos estudos nesta materia e coñecida pola súa participación no grupo de traballo FIADEIRAS, na Asociación da Cooperación pola Paz ou Intered.

Será a partir das 20h e está aberto a calquera persoa interesada no tema.

Esta actividade nace precisamente dous días antes de que remate a rolda polos pobos dos Vermús do BNG, unha acción exitosa de contacto directo coa veciñanza e non exenta de polémica nalgunhas fases.