sábado 27/11/21

As axudas do Programa Reforma15 para melloras en baños e cociñas poderán solicitarse a partir do próximo 6 de outubro

Tal e como se publicou  no DOG, as solicitudes deberán tramitarse a través dos propios establecementos de venda. O plan da Xunta, dotado con preto de 3 millóns de euros, apoiará a 5.000 familias no acondicionamento destes espazos favorecendo a demanda, así como a actividade e o emprego entre os autónomos e as pemes da construción...

2
2

A partir do próximo 6 de outubro poderán solicitarse as axudas habilitadas pola Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, ao abeiro novo programa Reforma15, que publicou onte o Diario Oficial de Galicia e que facilitará a modernización de cociñas e baños en 5.000 fogares galegos con rebaixas en materiais e mobles que roldarán o 40%. As solicitudes deberán tramitarse a través dos propios establecementos de venda, que tal e como se recolle no DOG poden adherirse ao programa desde mañá e ata o próximo 30 de outubro, e que serán os encargados de aplicar os descontos.

O programa Reforma15 do Igape está dotado con preto de 3 millóns de euros e permitirá mobilizar arredor de 30 millóns de euros dinamizando a actividade e o emprego entre o colectivo dos autónomos e as pemes do sector da construción.

En concreto, mobilizaránse 14 millóns de xeito directo, mediante a compra de materiais e mobiliario, e 16 millóns de xeito indirecto, mediante a contratación de instaladores ou as obras complementarias. O Igape apoiará a compra realizada polos cidadáns cunha axuda que cubre o 20%, co límite entre 200 e 1000 euros por persoa e domicilio particular. A entidade colaboradora realizará un desconto equivalente, polo que a rebaixa global achégase ao 40%.

3O importe dos materiais ou do mobiliario adquiridos ao abeiro do Programa Reforma15 poderá oscilar entre os 1.000 e os 5.000 euros. A tramitación das solicitudes de axuda, xunto coa documentación xustificativa e as solicitudes de cobro realizarase nos propios establecementos de venda, encargados tamén da aplicación dos descontos.

As solicitudes de axudas, que poderán presentarse nos propios establecementos ata o 16 de novembro, serán resoltas pola Xunta en poucos días. Deste xeito, mediante o programa Reforma15, a Xunta incentivará a renovación, por parte de particulares, de todo tipo de equipamentos de cociña e baño –excepto electrodomésticos–, incluíndo produtos como mobiliario, materiais de construción ou elementos de fontanería.

Con esta iniciativa a Xunta busca apoiar ás familias no acondicionamento das súas vivendas e avanzar na eficiencia enerxética dos edificios galegos, estimulando de forma paralela a demanda en sectores vinculados ao sector da construción, a reforma e a rehabilitación, contribuíndo a xerar actividade e emprego entre as pequenas empresas e autónomos.

Todos os interesados poden obter máis información no teléfono de información do Igape (900 815 151), na webwww.igape.es ou no correo electrónico [email protected], así como nas propias oficinas do Igape.

Comentarios