Axudas a festivais, ciclos e mostras relacionadas coas artes escénicas e culturais

Axudas a festivais, ciclos e mostras relacionadas coas artes escénicas e culturais
Aprobadas as bases para a concesión pola Xunta de Goberno da Deputación

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida por vía telemática baixo a presidencia do vicepresidente primeiro, Rosendo Fernández, aprobou as bases reguladoras de concesión de subvencións para a realización de festivais, ciclos, mostras ou actividades análogas relacionadas coas artes escénicas e musicais, promovidas por persoas físicas ou xurídicas, públicas ou privadas, que se desenvolvan integramente na provincia entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2022. O orzamento para esta convocatoria é de 60.000 euros.

Os solicitantes poderán presentar ata un máximo de dous proxectos e as axudas terán como límite o 70 % do custo total de cada proposta. En calquera caso, ningún beneficiario poderá obter achegas por un importe superior a 20.000 euros para o conxunto das iniciativas que presente. Os interesados poderán presentar as súas solicitudes desde a publicación desta convocatoria na Base de Datos Nacional de Subvencións e ata o 30 de abril de 2022.