Axudas para fomentar a agricultura ecolóxica

agricultura-ecologica
Axudas para fomentar a agricultura ecolóxica

O conselleiro do Medio Rural fixo este anuncio no marco dunha reunión coas organizacións profesionais agrarias por este motivo

A Xunta dotará con 9 millóns de euros anuais as axudas para fomentar a agricultura ecolóxica, empezando polas correspondentes a 2023 e deica 2027, ata un total de 45 millóns de euros para o próximo período da Política Agrícola Común (PAC). Así o anunciou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, no marco da reunión mantida hoxe coas organizacións profesionais agrarias (Unións Agrarias, Sindicato Labrego Galego, Asociación Agraria de Galicia -Asaga- e Federación Rural Galega -Fruga-) e co Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) por este motivo.

O conselleiro puxo en valor este esforzo orzamentario, que supón un incremento anual de máis do 130 % sobre o presuposto previsto inicialmente para 2023, que era de 3,9 millóns de euros, e unha subida do 183 % en relación co destinado no 2022, polo que de facto case se multiplica por tres con respecto a esa anualidade.

agricultura-ecologica 2
agricultura-ecologica 2

Neste sentido, José González trasladou que tamén se incrementará en 3,5 millóns máis anuais a partida de Extensificación das explotacións gandeiras, dentro das axudas agroambientais, dirixidas a estes produtores “custodios do territorio” que contribúen á anticipación aos incendios forestais. Esta liña de achegas tamén contén un complemento de 1,5 millóns para o pastoreo en concellos con presenza do lobo. Desta forma, o total por ano destas axudas alcanzará os 13,65 millóns de euros (fronte aos 10,15 millóns que estaban previstos para este 2023, incluíndo dito complemento), ata un total de 68,25 millóns no conxunto do período de cinco anos.

Fondos suficientes

A partir destas cifras, o conselleiro amosou o seu convencemento de que son fondos máis que suficientes para chegar a todos os potenciais solicitantes e reafirmou o obxectivo da Xunta de que ninguén quede sen axuda. Por iso, segundo engadiu, faise un importante esforzo para dar unha resposta moi firme á espectacular evolución que está experimentando a produción ecolóxica.

Nesta mesma dirección, o conselleiro considerou especialmente importante asegurar que ningún produtor quede fóra nesta convocatoria de 2023, porque nela hai que orzamentar o compromiso de permanencia por un período de cinco anos. Este foi, ademais, un compromiso que se asumiu por parte da Xunta en sede parlamentaria e mesmo diante de todo o sector na xuntanza do Consello Agrario do pasado 16 de xaneiro. Así, “escoitamos, atendemos e estamos moi satisfeitos do incremento da superficie e da xente que está disposta a apostar pola produción en ecolóxico e temos que estar á altura con esta aportación financeira desde a Xunta”, segundo lembrou o titular de Medio Rural.