BASTA XA DE ENGANAR OS VECIÑOS DE XINZO!
Corren aires de precampaña. Nótase ben, porque, unha vez máis, o grupo de goberno do PP volve facer o mesmo ca na anterior lexislatura. Despois de tres anos e medio de inoperancia, de non facer nada, de dedicarse a pelexar entre eles, de abandonar a cidadanía, de deixar que o noso concello esmoreza ata chegar á situación máis penosa que se lembra en décadas... agora espertan.
O grupo de goberno do PP desatendeu as principais demandas da veciñanza durante esta lexislatura. E agora, a poucos meses da eleccións, pretenden facer o que non fixeron e cada semana prometen unha obra nova: arranxar as beirarrúas da Avda de Madrid e Avda de Ourense, o grupo San Sebastián, as desfeitas que perpetran no Toural... E outras chapuzas que levan acometido, como os bloques de formigón da rúa da igrexa, dando mostra dunha falla de planificación bochornosa.
Mesmo volveron anunciar, coa complicidade do Presidente da Xunta de Galicia, a xa prometida durante a pasada campaña electoral circunvalación, que aínda non se comezou a construír.
Trátase, unha vez máis, de realizar obras e anunciar actuacións co único obxectivo de procurar contentar aos veciños e así conseguir votos nas eleccións de maio. Desde Xinzo Adiante censuramos que o PP non fixese nada en tres anos e medio e agora lles entre esta febre preelectoral. Todo lles vale para tratar de apañar votos.
No PP teñen medo. Non lles chegou con deixar caer o censo por baixo dos 10.000 habitantes, coa perda de 250.000 euros anuais por parte do estado que isto vai supoñer, tan só para que a corporación baixase de 17 a 13 concelleiros, porque así pensan que ao haber 13 concelleiros lles pode resultar máis asequible manter a maioría absoluta. En citas electorais anteriores había censadas unha chea de persoas afíns ao PP en domicilios de particulares que nin sequera sabían que esas persoas estaban censadas nas súas casas. Todo lles vale: promesas reiteradamente incumpridas, censo adecuado aos seus intereses, silenciar as propostas da oposición impedindo que se debatan no pleno...
Como o goberno local lles pode mirar á cara aos veciños da Avda. de Madrid ou da Avda. de Ourense e dicirlles que agora (porque hai eleccións) van atender as demandas que levan anos realizando? Como lles explica aos comerciantes da rúa da Igrexa a atrocidade que perpetraron en forma de bloques de formigón? Como lles explica ás persoas dependentes que ata agora (porque en maio hai eleccións) non atenderon as súas necesidades? Como explicarán que este concello foi coñecido durante a presente lexislatura pola inhabilitación dun alcalde, a dimisión doutro, as pelexas internas para nomear o terceiro alcalde en discordia... converténdose na vergonza política de Galicia? Todo lles dá igual e todo vale cando non se teñen escrúpulos.
E, o peor de todo, é que o PP está atentando contra a intelixencia dos cidadáns de Xinzo de Limia. Acaso pensan que a xente non é consciente de que non fixeron nada todo este tempo? Pensan que a veciñanza de Xinzo é parva?
Desde Xinzo Adiante somos conscientes de que os habitantes deste concello non deixarán que o PP insulte a súa intelixencia, nin se deixarán enganar. O movemento demóstrase andando, traballando ao longo de toda unha lexislatura.
Xinzo Adiante, desde as eleccións de maio de 2015, é o grupo municipal que máis iniciativas e mocións leva presentado, moitas delas co apoio unánime do resto de partidos. Esta é a diferenza no compromiso cos veciños entre Xinzo Adiante e o grupo de goberno do PP e algún outro da oposición, que estiveron tres anos e medio durmidos e agora parecen espertar só porque se achegan as eleccións.
Xinzo Adiante reafirma o seu compromiso coa cidadanía de Xinzo e comprométese, se acada a responsabilidade de goberno en maio deste ano, coa transparencia, a consultar á cidadanía e permitirlle decidir onde se inviste parte dos presupostos, a non enganar con falsas promesas e manipulacións e a traballar para levantar este concello que o PP nos deixa en estado ruinoso.
Outra forma de gobernar é posible e Xinzo Adiante está preparado para demostralo