O BNG demanda en Celanova e na Merca accións urxentes da CHMS e dos concellos ante o estado do Arnoia

Tramo do Arnoia en Pontefechas
O BNG demanda en Celanova e na Merca accións urxentes da CHMS e dos concellos ante o estado do Arnoia

As nacionalistas rexistraron o pasado luns sendas mocións para reclamar dos gobernos locais e do organismo de conca que se reparen as pontes e presas danadas polos efectos da crecida do río e que poñen en risco non só o ecosistema fluvial, tamén a mobilidade e actividades de lecer da veciñanza.

O BNG ten documentado nas últimas semanas o mal estado do río Arnoia a consecuencia do arrastre de troncos e outra vexetación pola crecida das augas, que se acumula en grandes cantidades no tramo entre Rubillóns (A Merca) e Pontefechas (Celanova), cos impactos e o risco que iso supón para a fauna e a flora así como os efectos sobre os camiños nas marxes e as infraestruturas que cruzan o río e os sistemas de saneamento.

O pasado luns o BNG da Merca e o BNG de Celanova rexistraron sendas mocións para o seu debate nos respectivos plenos municipais demandando unha intervención urxente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e dos gobernos locais da Merca e Celanova, dentro do exercicio das súas competencias, para frear e reparar os impactos que se están a producir sobre o ecosistema e reparar o deterioro das infraestruturas.

O BNG de Celanova considera que é responsabilidade de todos os niveis da Administración, cada un dentro do seu ámbito competencial, traballar pola conservación dos ríos dentro do marco normativo que establece a lexislación europea, estatal e autonómica. Nunha breve relación, o BNG ten sinalado as desfeitas causadas na ponte entre Rubillóns e Entreamborríos; na ponte e na presa á altura de Faramontaos -estas dúas localizadas no Concello da Merca-; nas rutas de ribeira e na illa á altura do núcleo do Ribeiro, xunto a Armada, e na propia ponte de Pontefechas -ambos espazos no Concello de Celanova- onde a acumulación de vexetación ameaza a estrutura dunha ponte con alto valor patrimonial, ademais da súa funcionalidade como parte da estrada OU 0204. Tamén en Pontefechas os arrastres causaron a rotura dunha presa.

As nacionalistas instan nas mocións presentadas a que os respectivos gobernos municipais impulsen un plan de actuación sobre a ribeira do Arnoia en colaboración co outros concellos ribeiraos e coa Mancomunidade para rexenerar o principal curso fluvial da comarca e protexer unha área de alto valor ecolóxico e patrimonial e con evidentes potencialidades turísticas.