O BNG de Trasmiras quere denunciar publicamente o estado lamentable no que se atopan todas as aldeas do concello

IMG_20210623_173820
O BNG de Trasmiras quere denunciar publicamente o estado lamentable no que se atopan todas as aldeas do concello
Apenas a uns días de comezar o mes de xullo atopámonos con todo sen limpar

O Bng Trasmiras quere denunciar, unha vez máis, o estado lamentable no que se atopan todas as aldeas do concello de Trasmiras.

Apenas a uns días de comezar o mes de xullo atopámonos con todo sen limpar; cunetas e beirarrúas cheas de herbas xa demasiado altas, e que dificultan a visibilidade nos cruzamentos das estradas e das pistas para facer os Stops que, por certo, hai xa ben poucos que queden en pé, dado que tamén o noso rexedor mostra un enorme desleixo en manter a punto as sinalizaciòns das estradas, tan importantes para evitar colisiòns.

IMG_20210413_183309No último bando do noso Concello dìsenos que é unha obriga da cidadanía limpar as fincas e acondicionar aqueles terreos cheos de maleza e que están ao lado das vivendas. E que nos di da obriga de limpar o noso concello o excelentísimo alcalde? Só os veciños e veciñas temos obrigas que cumprir?
Serpes, ratas e bichería variada inza con xúbilo e libre albedrío nas cunetas das nosas estradas, fauna que vemos todos os días ao saír das nosas vivendas. Claro está que polas estradas de Xinzo que transita o rexedor non debe atoparse con toda esta biodiversidade. Déase de vez en cando unha volta polo concello ilustrìsimo alcalde!, porque semella que xa vivimos no medio do Amazonas. Quedará abraiado da vizosidade das nosas gabias.
E como non, non nos imos esquecer de lembrarlle que todas as rúas das aldeas do noso concello están cheas de fochancas de grandes dimensións, e en aldeas como Zos, Chamusiños, Soutelo ou Viladerrei, por citarlle algunhas, aìnda que este é un mal endémico das nosas redes comunicativas. Vergoña lle tiña que dar levar dous meses dicindo que ten 48.000€ da Deputación asignados para reparar os viais de todo o concello e a día de hoxe nin pegada deles. O de delegar na Deputación de Ourense semella que non funciona. Ao mellor non veñen porque entre tantas herbeiras non certan co concello, ou porque ante a desidia do alcalde priorizan outros dende os cales se exerce maior presión. E dicir que son todos do PP! Que pouca estima e respecto lle teñen os seus da Deputación!! Pola contra, outros concellos veciños como o de Sarreaus xa os taparon hai un mes. Aprenda algo dos do seu partido e déase a respectar!!

Trasmiras, "un lugar ideal para vivir". Acórdase Señor Emilio? Si home si! Falaría vostede doutro Trasmiras, que o mundo élle moi grande!!