O BNG-Xinzo, valora a dimisión inesperada de López Casas

IMG_5686
O BNG-Xinzo, valora a dimisión inesperada de López Casas

Como persoa sempre valoramos positivamente o seu talante aberto e dialogante

A dimisión inesperada de Manuel López Casas, aducindo “motivos persoais”, leva ao Concello de Xinzo a unha situación inédita e única no país xa que tres alcaldes diferentes van ocupar o cargo no mesmo mandato. Non se pode facer unha análise da súa xestión porque foi esencialmente continuista e tres meses non dan para moito, mais dende o BNG sempre valoramos positivamente o seu talante aberto e dialogante.

Con esta dimisión confírmase que a sombra do anterior alcalde, Antonio Pérez, que xa tivera que renunciar condenado por prevaricación, é alongada, e certifica a ruptura dentro do grupo de goberno e a incapacidade do Partido Popular de garantir unha mínima estabilidade ao Concello de Xinzo. Os principais prexudicados son os veciños e veciñas que asisten abraiados ao espectáculo que día si e día non, ofrecen os concelleiros e concelleiras do PP. Xinzo non ten sobre a mesa ningún proxecto estratéxico a corto, medio ou longo prazo, levamos un atraso de décadas logo dos sucesivos gobernos “populares” e este está sendo outro mandato perdido.

Diante desta desfeita o presidente provincial do PP, José Manuel Baltar, un dos principais valedores do Sr. Pérez, debería asumir a súas responsabilidades, darlle as oportunas explicacións aos veciños e veciñas de Xinzo e propoñer un candidato a alcaldía que, cando menos, poida estar en condicións de chegar ata o mes de maio.

Pola nosa banda, dende o BNG, seguiremos a nosa folla de ruta de cara ás eleccións do vindeiro ano, traballando nunha alternativa de goberno que situe a Xinzo na liña de liderar ao resto de concellos da contorna cun proxecto de vila centrada nos servizos e en dar soporte á actividade agraria da comarca.