"As bonificacións ao gasoil aplicadas non están a chegar aos produtores"

Tractorada polo centro de Xinzo 2022
"As bonificacións ao gasoil aplicadas non están a chegar aos produtores"

UNIÓNS AGRARIAS SOLICITA MEDIDAS FISCAIS E APOIOS PARA PALIAR A INSOSTIBLE SITUACIÓN DOS AGRICULTORES E GANDEIROS DE OURENSE

Unións Agrarias insta ao Goberno a actuar ante a insostible situación que atravesan os agricultores e gandeiros de Ourense. A organización agrogandeira, a Asociación de Produtores de Pataca da Limia, Sindicato Labrego Galego, FRUGA e ADEGAL reuníronse esta mañá co subdelegado do Goberno na provincia para falar da crise de rendibilidade que afecta ao sector produtor e solicitar medidas de apoio que permitan facer fronte á suba de custos de produción sen precedentes.

Un produtor de pataca da comarca da Limia está a gastar hoxe unha media de mil euros diarios en gasoil. Unha contía inasumible para as rendas de agricultores e gandeiros, que non están a beneficiarse da bonificación aos combustibles aprobada polo goberno central. Así llo explicou Unións Agrarias ao subdelegado do Goberno en Ourense, ao que trasaladou unha batería de propostas destinadas a aliviar a grave situación que agravesa o sector produtor.

Unións Agrarias entende que o goberno debe intervir para impulsar unhas tarifas enerxéticas axeitadas para agricultores e gandeiros, tanto no que respecta aos combustibles como á enerxía eléctrica. Así a organización aposta por un gasóleo libre de impostos para as explotacións e pola aplicación de bonificacións á enerxía para explotacións agrogandeiras e comunidades de regantes.

Igualmente, a organización insta ao executivo a impulsar unha fiscalidade máis xusta e acorde á situación actual que atravesan os produtores, mediante a condonación dos pagos á Seguridade Social a agricultores e gandeiros por conta propia e allea; a bonificación dos intereses e moratoria de cando menos dous anos nos préstamos das explotacións agrogandeiras; e aplicación dun módulo cero a todas as actividades agrogandeiras.

A organización tamén aproveitou a xuntanza para falar da competencia desleal que a entrada de alimentos de países extracomunitarios sen garantías de trazabilidade nen esixencias de seguridade alimentaria, como Marrocos ou Israel, están a supor para os produtores locais. E instou ao goberno central a tomar partido para habilitar mecanismos que permitan adiantar os pagos da Política Agraria Común unha vez feita a solicitude sen ningún tipo de gravame para que os agricultoes e gandeiros dispoñan de liquidez.