O camiño de San Rosendo que atravesa o Val do Limia pendente de ser ruta xacobea

san rosendo
O camiño de San Rosendo que atravesa o Val do Limia pendente de ser ruta xacobea

Así o solicitaron a Asociación Arnau e Sementeira

As asociacións Arnau e Sementeira enviaron un escrito á Xunta para que se inclúa o camiño de San Rosendo na rede de camiños xacobeos. Sinalan que este treito que atravesa o Val do Limia, conserva referencias históricas de que foi usado como ruta xacobea ó longo da Idade Media e Moderna.

Apoian esta petición en diversas fontes documentais de tradición Galaico-Mozárabe. Unha delas recolle a participación de San Trocado no traslado do corpo do Apóstolo e no descanso dos seus restos no Mosteiro de Santa Comba de Bande. Outra testemuña documental apunta ó ano 1255, coa raíña Isabel II de Portugal peregrinando a Compostela polo camiño que ven de Braga e atravesa o Val do Limia. As asociacións rexistran outro dato que é o feito de que o camiño de San Rosendo aparece nos camiños portugueses de peregrinación a Santiago, no tramo Porto-Celanova por Braga e a Porta D´Homem.

Ante estas evidencias históricas, din, solicítanlle á Xunta que o camiño forme parte da rede de camiños xacobeos. Así mesmo, que se dote o recorrido de carteis e sinalización precisa e que se faga un plan director do mesmo dotándoo de albergues.

Arnau e Sementeira xa fixeran esta solicitude no ano 2009. No 2010 sumaron o apoio de alcaldes de Lobios, Entrimo, Muíños, Bande e Lobeira, entre outros. Con todo, non tiveron resposta da Administración galega e agora reiteran a petición aportando a documentación histórica e pedindo apoio ó que consideran un gran potencial turístico da zona.