Cartas ó director: Xinzo Adiante"XA", contesta a J.G.G.

sobre
Cartas ó director: Xinzo Adiante"XA", contesta a J.G.G.

Sra. Julia González Giráldez: Ten vostede razón. Toma contribución!

Estimada Julia:

En primeiro lugar, quero sumarme á súa indignación polo abusivo I.B.I. que soportamos as/os veciñas/os de Xinzo de Limia. Ten vostede toda a razón na súa queixa. E comprendo que o seu enfado provoca que vostede culpe ao grupo de goberno e á oposición desta situación. Pero sinto dicirlle que está equivocada e voulle explicar por que:

  1. Debo indicarlle que dende o ano 2003 o PP leva gobernando en Xinzo de Limia con maioría absoluta. Iso significa que, por moito que a oposición se opoña ás súas decisións ou denuncie determinadas actuacións, a vontade do PP vai adiante sempre, grazas a esa maioría absoluta da que goza.
  2. A situación económica do Concello de Xinzo de Limia vén derivada da xestión que o grupo de goberno (PP) fai da mesma. Na anterior lexislatura (2011-2015), O PP aprobou un Plan de axuste para facer fronte á desorbitada débeda municipal xerada polo propio PP nas lexislaturas anteriores. Ese Plan recolle que os ingresos municipais non poden baixar, deben manterse ou crecer. Contrariamente ao que vostede indica na súa denuncia, actualmente estamos perdendo poboación e, xa que logo, ingresos por habitante que aporta do Estado. A única forma de manter ou aumentar os ingresos municipais que ten o PP, atado polo Plan de axuste que aprobou,consiste en incrementar as taxas municipais e os impostos, entre eles o I.B.I ou –como moita xente denomina- contribución.
  3. Na lexislatura anterior, mentres o PP aprobaba coa súa maioría absoluta o Plan de axuste, o único concelleiro que votou en contra dese Plan de axuste foi o señor Manuel Pérez Campos, actual Portavoz e número un do grupo municipal de Xinzo Adiante no Concello na presente lexislatura.
  4. Desde Xinzo Adiante (para nada Apagado, como o seu enfado a leva a denominarnos), candidatura que naceu no ano 2015 con vontade veciñal e municipalista, xa durante a campaña para as eleccións municipais denunciamos o abusivo incremento do I.B.I. e prometemos a súa revisión á baixa.Dixemos tamén que se trataba dunha dobre imposición, pois non só aumenta cada ano a porcentaxe que se aplica para gravar o imposto, senón que tamén aumenta o valor catastral das propiedades. Pero, como vostede e todos os veciños saben, o PP ten maioría absoluta e a oposición non pode levar adiante as súas propostas ou iniciativas sen o apoio do PP e, aínda que vote en contra do que propón o PP, a maioría absoluta do grupo de goberno respalda as súas actuacións.
  5. Debo comentarlle que no pasado pleno municipal (agosto de 2016) foi debatida unha moción presentada por Xinzo Adiante, en base a unha sentenza do Tribunal Supremo, para revisar as ponencias de valores catastrais, xa que en moitos casos se estaba cobrando inxustamente aos propietarios que teñen terreos urbanos pero que non reúnen as condicións para seren urbanizados; estaban pagando por eses terreos un I.B.I. propio dos terreos urbanizados e non o que lles correspondería ao seren terreos urbanos pero sen reunir as condicións para poder obrar neles.
  6. Desde Xinzo Adiante compartimos o seu enfado e prometemos traballar para mudar as cousas, cando o goberno deste Concello non dependa dunha maioría absoluta do PP. Mentres, seguiremos denunciando aqueles aspectos da xestión do PP cos que discrepemos e, entre eles, o que motiva a súa queixa.

Sempre á súa disposición e ao do resto da veciñanza de Xinzo de Limia, reciba un cordial saúdo.

Atentamente,

Xosé Miguel Barrios Rodríguez

(Concelleiro de Xinzo Adiante)