As catro comunidades de regantes da Limia constituíronse nunha soa

Representantes das catro comunidades co Delegado da Xunta
As catro comunidades de regantes da Limia constituíronse nunha soa
As catro comunidades de regantes constituíronse nunha soa para asinar o convenio co Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación e SEIASA de construción e explotación de 40 novos pozos para a mellora do regadío

O delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, reuniuse esta tarde con representantes das catro comunidades de regantes beneficiarias da mellora e modernización do regadío da Limia (a de San Salvador de Sabucedo, no concello da Porqueira; a de Lamas Ganade e a de Alta Limia, no municipio de Xinzo de Limia; e a de Corno do Monte, que afecta aos concellos de Xinzo de Limia e Trasmiras) para a constitución dunha soa comunidade que poida asinar o convenio co Ministerio de Agricultura, Pesca y Alimentación e SEIASA.

121222 Xinzo 3

A sinatura do convenio -explicou o delegado territorial- contempla a construción e explotación das obras do “Proxecto de mellora para o aproveitamento en regadío das 40 captacións de augas subterráneas - A Limia 2022”. Dito proxecto conta cun orzamento de 16 millóns de euros, advertiu, dos cales o 80% será financiado polo Ministerio e o 20% restante pola comunidade de regantes. Así mesmo, destacou os preto de seis millóns de euros de fondos propios da Consellería do Medio Rural destinados a completar a actual rede de pozos da Limia, coa construción dos 40 que inclúe o convenio co Ministerio, a súa electrificación e bombeo.

Gabriel Alén lembrou tamén os outros 16 millóns de euros que o Ministerio ten acordado para a limpeza das canles da Limia, co fin de mellorar a xestión dos subprodutos gandeiros e das augas e adecuar as prácticas agrogandeiras nesta bisbarra ourensá.

121222 Xinzo 1

A este montante, subliñou o delegado territorial, súmase un millón de euros máis de fondos propios da Xunta para a reparación de camiños desta bisbarra -en colaboración coa Deputación de Ourense-. Neste senso, entre os anos 2021 e 2023 vaise actuar en máis de 21 quilómetros de camiños rurais pertencentes a 12 concellos que integran a rede viaria desta comarca.

Deste xeito, Gabriel Alén puxo en valor os 39 millóns de euros que se investirán entre a Xunta e o Goberno central na potenciación do sector agrario da comarca da Limia, aínda que o representante do Goberno galego solicitou máis esforzo por parte do Goberno central para que a modernización do regadío estea á altura da bisbarra. Un sector, dixo, ao que lle agradeceu a súa decidida vontade de avanzar na sustentabilidade das súas explotacións e que grazas a eses fondos -conseguidos mediante ás xestións levadas a cabo por parte da Administración galega- se logrará un mellor e máis efectivo aproveitamento dos recursos dunha das comarcas con maior produción agraria de Galicia, tanto en produtos agrícolas como gandeiros.